Vigo al minuto

A CIG denuncia as primeiras multas de 200 euros por aparcar mal no hospital Álvaro Cunqueiro

denuncia-trafico-cunqueiro

A CIG vén de denunciar que os usuarios e traballadores xa están a recibir as primeiras sancións por importe de 200 euros por estacionar mal na contorna do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, multas con datas do pasado mes de maio.

Dende o sindicado aseguran que, pese “ás reiteradas declaracións do acalde de Vigo, Abel Caballero, nas que prometía non multar aos coches mal estacionados nos viais do novo hospital”, os traballadores e usuarios do hospital están a recibir sancións con data do pasado mes de maio, onde a denunciante é “a antiga xerente da empresa concesionaria”.

A CIG recorda que non se coñece o estado no que se atopa o parking público que tiña pensado abrir o Goberno municipal, así como “os motivos do cambio de criterio do Concello, non só no que se refire ás súas competencias no ordenamento do tráfico senon, o que nos parece máis grave, no inicio do proceso sancionador con carácter retroactivo obviando as súas promesas, entre as que incluía a de retirar vehículos mal estacionados que supuxeran problemas de seguridade pero non sancionalos”.

Desde a central sindical tamén denuncian os problemas de acceso ao hospital nos horarios de maior afluencia, como son as entradas e saídas do persoal, “agravados desde que se prohibiu o estacionamento en zonas non reguladas, sen ofertar outra alternativa que non sexa o aparcamento de pago da empresa concesionaria”.

Por estas razóns solicitan ao Concello de Vigo e á Consellería de Sanidade a apertura, acondicionamento e ordenamento como aparcamentos gratuítos dos espazos existentes ao arredor do hospital que poidan ser susceptibles de ser usados con ese fin e que na actualidade carecen de uso e están sen urbanizar e o reordenamento do tráfico seguindo un criterio máis funcional para o transporte público e os servizos de transporte sanitario.

You may also like