A Deputación de Pontevedra porá en marcha un novo Plan de Investimentos en Equipamentos e Infraestruturas (PICEI) a través do que se destinará máis de 1,1 millóns de euros aos concellos de Fornelos de Montes, A Lama, Silleda, Catoira, Vilaboa, As Neves, O Porriño e Forcarei. Trátase dun programa de cooperación complementario ó Plan Concellos que busca beneficiar a municipios con especiais dificultades territoriais ou afeccións debido á falta de implantación de infraestruturas ou servizos ocasionada polo desigual reparto de fondos.
A Deputación de Pontevedra ten como obxectivos prioritarios o establecemento e prestación dos servizos públicos mínimos así como asegurar o acceso da poboación da provincia ó conxunto dos servizos de competencia municipal.
O deputado provincial David Regades destacou que “pese á implantación do Plan Concellos, había necesidades urxentes de interese xeral que non estaban cubertas nos concellos pequenos debido, fundamentalmente, á diferenza de trato que o anterior goberno da Deputación realizaba no reparto de axudas”.
Neste contexto, David Regades destacou que tras analizar os datos dos programas que a institución provincial levou a cabo entre o 2009 e o 2015 “atopámonos cunha distribución de fondos a través da libre disposición que acadou os 29 millóns de euros, é dicir, o 20% do importe total das subvencións concedíase de xeito discriminado”.
Dende a deputación aseguran que no anterior goberno entre 2009 e 2011 distribuíronse 11,3 millóns de euros por libre disposición e entre 2012 e 2015 outros 17,4 millóns, ós que hai que engadir 43,14 millóns mediante convenios outorgados por subvencións directas, o que significa que dos case 200 millóns de euros en subvencións que recibiron os concellos máis da terceira parte, é dicir 72 millóns, foron de forma directa a determinados concellos”.
O novo plan PICEI nace deseñado “tendo en conta as necesidades expostas polos propios concellos e concibido como un programa de cooperación municipal”, co obxectivo de fomentar a redistribución dos recursos públicos para impulsar a equidade en servizos e equipamentos dos concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes.
O PICEI distribuirá os seus fondos entre os concellos de Fornelos de Montes (cun total de 145.000 € para a reforma do pavillón municipal), A Lama (con 80.000 € para un proxecto de eficiencia do alumeado público), Silleda (438.778,07 € para a dotación de herba sintética ó campo de fútbol A Gandareira de Bandeira), Catoira (125.000 € para o acondicionamento da casa do concello), Vilaboa (150.000 € para a remodelación do Club de Piragüismo de Paredes), As Neves (70.000 € para a mellora e conexión das captacións de abastecemento de auga), O Porriño (30.221,93 € para a mellora das instalacións exteriores no campo de fútbol do carballo da U.D. Atios) e Forcarei (90.000 € para un proxecto de mellora da sinalización dos núcleos urbanos)”.