A evolución do VIH, tanto desde o punto de vista social como asistencial, será o centro do debate da xornada que se celebrará este venres nas instalacións do Marco organizada pola Unidade de VIH do Centro Hospitalario Universitario de Vigo, que cumpre xa 26 anos desde que comezou a funcionar no Hospital Xeral. Desde entón, este dispositivo asistencial leva atendidos a máis de 4.000 pacientes.
Baixo o lema de ‘Vivindo coa SIDA’, a xornada abarcará a maioría dos aspectos que afectan a unha gran parte das persoas diagnosticadas, tanto desde o punto de vista social como desde a integración de pacientes xa curados e o aspecto asistencial cos novos tratamentos.
A sesión está dividida en catro bloques temáticos, nos que intervirán pacientes, ONG que traballan cos colectivos afectados, centros de desintoxicación e profesionais sanitarios tanto da Unidade de VIH viguesa como doutros centros hospitalarios.
O primeiro bloque da xornada centrarase no traballo das organizacións de apoio, tanto desde o punto de vista das vellas e novas drogas como da estratexia de axuda aos infectados desde unha perspectiva de alguén que tamén padeceu o contaxio. É o método de traballo coñecido como PARES, que xurdiu como unha estratexia da Unión Europea e que posteriormente se potenciou desde o Chuvi. Basicamente, consiste en que o infectado poida contar coa atención de apoio dunha persoa que tamén tivo o VIH e que, como consecuencia, coñece de primeira man o que lle ocorre ao paciente e as súas sensacións sobre a enfermidade.
O segundo bloque analizará o estigma, o rexeitamento, que padecen na sociedade en xeral as persoas infectadas, mesmo aquelas que xa superaron a enfermidade. Os problemas médicos asociados ao VIH serán analizados no terceiro bloque da xornada, onde se falará do envellecemento no paciente con VIH, da Hepatite e a súa relación co virus, así como do papiloma e a forma de previlo e controlalo nos pacientes infectados.
A cuarta e última parte da xornada centrarase nas enfermidades de transmisión sexual e nos novos modos de contacto sexual que xorden na sociedade actual, como o fenómeno do “ChemSex”, que son un elemento fundamental no contaxio e que nas grandes cidades está a empezar a ser un problema de saúde pública.