Cultura

As mulleres, principais consumidoras de produtos de comercio xusto en Vigo

fernandez-jardon

Muller entre 40 e 50 anos, ese é o perfil maioritario do consumidor de produtos de comercio xusto. Segundo un estudo do profesor da Universidade de Vigo Carlos M. Fernández Jardón en colaboración con Amigos da Terra e Oxfam Intermón, o 75% das persoas que consumen estes produtos en Vigo son mulleres.

A través de este estudo, o docente vigués afonda nas motivacións dos compradores e nas súas preferencias á hora de mercar produtos de comercio xusto. Para analizar a fondo as súas preferencias, déronse a coñecer os produtos básicos de consumo do comercio xusto, elaborouse unha enquisa sobre os hábitos e motivacións de compra da cidadanía viguesa en xeral e da comunidade universitaria en particular e elaborouse un plan de actuación para desenvolver e potenciar o consumo destes produtos na cidade.

A xuventude, a menos concienciada

Para a elaboración do informe os investigadores realizaron enquisas a través da rede accesibles nas páxinas web da Universidade e do Concello. “As respostas obtidas foron sobre todo de persoas consumidoras ou que consumiron algunha vez comercio xusto“, aclara Fernández-Jardón. Dividiuse o grao de consumo de produtos de comercio xusto en cinco niveis, sendo o máis seleccionado o de ‘pouco frecuente’, datos que se corresponde coa media de consumo deste tipo de produtos en Galicia. Grazas ás respostas obtidas elaboraron un esquema de perfís de consumidores sobre relacións de compra para logo aplicar propostas para incentivar o comercio neste sector.

Outro dato importante obtido nas enquisas é a idade media do conxunto de consumidores. O investigador explica que a porcentaxe de consumo aumenta en relación á idade, o grupo máis numero de consumidores é o que se atopa na franxa entre 40 e 50 anos. Recoñece o grupo de estudo é pequeno pero permite detectar que nese segmento de idade a poboación ten un maior índice de concienciación, en contraste cos adolescentes, que non representan máis do 0,5% do total de consumidores.

A enquisa amosa, deste xeito, que na cidade de Vigo o consumidor tipo coincide claramente co debuxado noutros estudos xa feitos noutros lugares: muller entre 40 e 50 anos. Por outra banda, o docente tamén analiza as causas do reducido consumo de produtos de comercio xusto, e sinala como a principal o pouco coñecemento sobre “o que é e o que non é o comercio xusto e a confusión nos termos”, xa que boa parte da poboación non é quen de identificar os dez principios fundamentáis sobre os que asenta este sector: transparencia e rendición de contas; maiores ingresos para o produtor; prezo mínimo garantido; prezo xusto; non empregar funxicidas e fertilizantes de orixe sintético; garantir dereitos laborais; respecto á normas de traballo infantil; equidade de xénero e respecto e difusión da identidade cultural.

O téxtil, produto menos adquirido

Entre os produtos de comercio xusto máis vendidos en Vigo están café, doces, azucre, cacao ou té, seguido doutro tipo de alimentos como froitas. O téxtil ou a artesanía están moi por detrás, non chegan a un 5% das vendas totais.

Fernández-Jardón salienta que a posible causa é que “a xente identifica máis o comercio xusto con produtos saudables, e iso está máis orientado a produtos de alimentación. No téxtil a idea de comercio xusto non está tan interiorizada, polo que non existe a mesma relación que hai cos produtos agrícolas”. A principal causa do baixo consumo de téxtil xusto atópase relacionada coa moda, xa que esta non ten as mesmas características que a roupa que venden as tendas, que seguen as tendencias ou as demandas da xente, e o docente engade que “os produtos de comercio xusto no téxtil non están adaptados á demanda”.

También te puede interesar