A presidenta da Deputacion de Pontevedra xunto co alcalde Caballero acompañado por varios concelleiros, inaugurou este luns na Casa das Artes a derradeira ‘parada’ da exposición ‘Mulleres en Acción #ViolenciaZero’, un proxecto de acción artística para reivindicar a igualdade de xénero e poner no foco de atención na lacra da violencia machista.
O obxectivo, como lembrou Carmela Silva, é “fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica fronte á violencia machista”, facendo un chamamento a unha implicación real na loita en contra da violencia contra as mulleres.
A presidenta lembrou que por primeira vez este Goberno provincial conta cunha área específica de Igualdade pero que á súa vez funciona de xeito integrado en todos os departamentos.
Dende o organismo provincial, e a través desta mostra e doutras iniciativas, preténdese ademais insistir na necesidade de fomentar esta loita contra a violencia de xénero entre as xeracións máis novas.
A mostra, que estará aberta na Casa das Artes dende este luns, día 7,ata o vineiro 25 deste mes, recolle os resultados da acción artística contemporánea do proxecto, desenvolvido simultaneamente o pasado 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, por artistas galegas en 10 concellos da provincia -Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña, Caldas de Reis e agora Vigo-.
Carmen Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos, Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulova foron as encargadas de lle dar corpo a “Mulleres en acción: Violencia Zero” con diferentes recreacións artísticas o pasado 25 de novembro.
Todas elas son novas artistas galegas, polo que a través desta iniciativa tamén se visualiza o seu traballo, achegando así a arte contemporánea ás rúas a través do diálogo con todos os públicos e incentivando ao mesmo tempo a integración de mulleres e homes na loita contra a violencia machista.