Como anunciara, o Comité de Ferroatlántica iniciou este luns un peche indefinido no Concello de Cee, acción que estará acompañada de concentracións diarias, entre as as 6 e media e 7 e media da tarde, coa que se pretende por unha banda esixir ao presidente Feijóo que reciba á representación social e doutra demostrar á empresa o rexeitamento unánime da comarca á venda das centrais hidroeléctricas.
Alén dos delegados da CIG no Comité de Ferroatlántica, no peche tamén participan o Secretario Confederal de Organización, Paulo Carril, e o responsábel da Unión Local da CIG de Cee, Xabier Santos. Ademais, membros da central nacionalista acudirán cada día a arroupar aos compañeiros e compañeiras tanto no peche como nas concentracións.
Con esta nova acción reivindicativa, os traballadores e traballadoras queren demandar ao presidente do Goberno dde Galicia que atenda “dunha vez” a solicitude reunión cursada polo Comité e cumpra coa legalidade vixente desautorizando a segregación das actividades enerxéticas e de ferroaleacións e, polo tanto, impedindo a venda das centrais hidroeléctricas.
“Cada minuto que o Goberno permanece en silencio, estalle dando azos á empresa para seguir con esta operación. Temos que lograr que a Xunta diga claramente que non se poden vender as centrais e por outro lado, temos que presionar a Ferroatlántica para que cese de vez nas súas intencións”, aseveraba Paulo Carril ao inicio do encerro.