O Parlamento de Galicia aprobou este mércores unha proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a solicitar do Concello de Vigo a que leve a cabo á maior brevidade posible as adaptacións tecnolóxicas necesarias para que os dispositivos de cobro do transporte urbano Vitrasa sexan compatibles coa tarxeta do transporte metropolitano de Galicia.
A deputada popular Teresa Egerique manifestou que “máis alá dos problemas tecnolóxicos, a problemática fundamental para que por parte do Concello de Vigo e da empresa Vitrasa se cumpra o compromiso asumido no convenio que asinaron o pasado 6 de xullo radica na súa pretensión de manter un réxime de tarifas diferente ao establecido no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia”.
Egerique sinalou que, “no momento no que as máquinas de cobro dos autobuses urbanos de Vigo estean adaptadas á tarxeta, os usuarios comezarán a beneficiarse do aforro e pagarán 86 céntimos por cada viaxe e non 1,32 euros como abonan na actualidade”.
Segundo a deputada popular co transporte metropolitano de Vigo “son case medio millón de veciños deste área que terán uns aforros medios, no caso dos usuarios frecuentes, de ata 1.000 euros anuais”.