É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer más@depo_es abre a convocatoria para cubrir o posto de Dirección da Área Provincial de Mobilidade
A Deputación de Pontevedra vén de abrir a convocatoria para cubrir o posto de dirección da área provincial de Mobilidade. Dende hoxe e durante 15 días hábiles os aspirantes poden presentar as súas solicitudes, que deben ir acompañadas dun proxecto de dirección e organización para o servizo. Segundo destaca o deputado Uxío Benítez, a intención ao cubrir esta praza é “traballar promovendo criterios técnicos e non políticos nas actuacións na rede viaria da provincia”.
A convocatoria, publicada no Boletín Oficial da Provincia o pasado venres, establece que os aspirantes deben ter a condición de funcionario de carreira ou laboral fixo das administracións públicas do grupo A1, estar en posesión do título de enxeñeiro de camiños ou arquitecto, ou ben ter experiencia profesional acreditada de cinco anos nas administracións públicas coa categoría correspondente.
A selección realizarase seguindo principios de mérito e capacidade e criterios de idoneidade, competencia profesional e experiencia. Así, valorarase ter exercido funcións de dirección, xerencia ou coordinación de servizos de infraestruturas ou mobilidade nas administracións durante un periodo de dous ano ou ter desempeñado funcións de xestión ou asesoramento. Finalmente, para cubrir a praza terase moi en conta o proxecto de proposto para levar adiante a dirección e organización do Servizo de Mobilidade, tendo en conta os seus efectivos (Parque de Maquinaria, brigadas de mantemento, servizos adminsitrativos), a estrutura actual da área, e as súas funcións.
Segundo queda establecido, no exercicio do cargo, a nova directora ou director de Mobilidade quedará sometido aos principios de interese xeral, integridade (sen incorrer en risco de conflitos de intereses), obxectividade (tomando decisións á marxe de posición persoais, familiares, corporativas ou doutra índole), transparencia e responsabilidade, e austeridade (xestionando os recursos públicos con eficiencia e racionalización do gasto).
Ata o pasado mes de xuño o cargo de directora de Mobilidade da Deputación de Pontevedra estaba ocupado pola actual responsable de Explotación e Construcción de Adif, Isabel Pardo de Vera, que xa chegara á institución provincial a principios de 2016 dende o propio organismo de infraestruturas ferroviarias. Ata entón o posto estaba vacante e ocupado en funcións por un xefe de servizo.
A convocatoria pública aberta de novo pretende que o departamento provincial de Mobilidade siga a traballar como nos últimos meses, de modo “ordenado, rápido e eficaz deixando a un lado os criterios políticos que rexían no anterior goberno provincial de Louzán”. De feito, durante os últimos meses o departamento vén de solventar serias deficiencias en boa parte dos proxectos iniciados na época anterior, xa que moitas das actuacións carecían dos informes preceptivos doutras administracións para poder ser executables.
O deputado responsable de Mobilidade, Uxío Benítez, destaca que a intención do novo goberno provincial está a ser incorporar novos técnicos ao servizo de Mobilidade, que estaba descabezado de persoal técnico cualificado.
En canto aos prazos, prevese que a resolución de nomeamento da nova directora ou director de Mobilidade realizarase no prazo máximo dun mes contado dende a finalización do prazo de presentación das solicitudes. O órgano técnico de valoración estará composto polo secretario da Deputación de Pontevedra, a xefa de servizos administrativos de Mobilidade e a xefa do Servizo de Recursos Humanos, que emitirán un informe sobre os aspirantes. O deputado de Mobilidade realizará a proposta de nomeamento en atención aos méritos alegados.