A Comisión de Infraestruturas do Parlamento de Galicia aprobou este xoves unha proposición non de lei do Grupo Socialista para desbloquear a saída sur ferroviaria de Vigo e desprazar o tren do centro de O Porriño. Este proxecto permitiría conectar toda a franxa atlántica cunha liña ferroviaria de altas prestacións conectada coa Meseta a través de Cerdedo.
Este cambio, segundo o socialista Abel Losada, permitiría así absorber todo o tráfico ferroviario de Oporto e “corrixir a anomalía da conformación da rede de AVE de Galicia”. Losada considera “inexplicable” que para viaxar ao sur “ao maior núcleo demográfico de Galicia ten que viaxar 100 quilómetros ao norte, o que prexudica notablemente á poboación de Portugal”, aos 600.000 veciños e veciñas de Vigo e por extensión a toda a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.