O hospital Álvaro Cunqueiro realizará unha aposta clara por proxectos de humanización e de mellora do trato que os pacientes reciben no hospital, con especial atención aos enfermos en idade pediátrica, polo que está a apoiar iniciativas que procuren distraer aos nenos e nenas hospitalizados.
Con ese obxectivo, o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, asinou un acordo de colaboración cos responsables da Asociación de Iniciativa Social Berce para desenvolver unha serie de actividades lúdicas e de lecer destinadas aos pacientes máis pequenos que permanecen ingresados no Álvaro Cunqueiro.
Desta forma formalízase o proxecto ‘Sorrisos por Tiritas’, destinado aos nenos hospitalizados e aos que reciben tratamento no Hospital de Día Pediátrico e que suporá a posta en marcha dunha actividade de animación polo menos unha vez por semana ata decembro de 2017. No proxecto participan 26 profesionais da animación, que abarcan un amplo número de áreas, dende paiasos ata malabaristas ou magos.