Os concellos da comarca de Vigo recibirán no 2017 do ‘Plan Concellos’ algo máis de 5 millóns de euros, o que supón máis de 280.000 euros sobre as cifras que percibiron da Deputación de Pontevedra no marco do plan anterior. Deste xeito, os sete concellos da comarca (Soutomaior, Fornelos de Montes, Redondela, Pazos de Borbén, Mos, O Porriño e Salceda de Caselas) reciben un 5,82% máis que o ano 2016.
O concello que leva a maior parte da partida será o de Redondela, con 1,16 millóns de euros, seguido do de O Porriño, con algo máis dun millón de euros, Mos (939.000 euros), Salceda de Caselas (639.870 euros), Soutomaior (533.203 euros), Pazos de Borbén (394.809 euros) e Fornelos de Montes (379.000 euros).
Outros 3,8 millóns para os concellos do Morrazo
Os municipios da comarca do Morrazo recibirán no 2017 do ‘Plan Concellos’ máis de 3,8 millóns de euros, o que supón máis de 270.000 euros sobre as cifras que percibiron da Deputación de Pontevedra no marco do plan anterior.
O vindeiro ano os catro concellos da comarca (Marín, Bueu, Moaña e Cangas do Morrazo) recibirán un 7,47% máis que o ano 2016, que xa subira con respecto ó 2015 un 13,80%. Así, deste xeito Cangas recibirá algo máis de 1,08 millóns de euros, Marín 1,02 millóns, Moaña algo máis de 965.400 euros e Bueu preto de 803.500 euros.
O Plan Concellos 2017 ten como principais novidades que vai contar con 1,2 millóns máis que na súa edición de 2016, achegándose aos 41,2 millóns de euros, un 3% máis. Tamén vai a aumentar a autonomía dos concellos á hora de decidir as súas prioridades de inversión e o mesmo tempo vai primar as axudas aos concellos máis pequenos da provincia de Pontevedra.
Nesta nova edición a Deputación pretende dedicarse “de xeito especial aos concellos máis pequenos” polo que dos 41,2 millóns que se repartirán, os concellos de menos de 10.000 habitantes disporán de 18,2 millóns de euros, os de entre 10.000 e 20.000 habitantes contarán con 14,1 millóns e os de máis de 20.000 disporán de 8,9 millóns de euros.