Cultura

O Centro Superior de Hostalería de Galicia, única escola española que compite na final do Hyatt Student Prize

A alumna do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), María Lojo Quintáns, participará na fase final do Hyatt Student Prize, na que compiten os oito mellores estudantes das escolas de xestión hoteleira a nivel mundial.

Esta alumna de 22 anos cursa o último ano de Diploma Superior de Xestión Hoteleira e xa fixo prácticas en hoteis de Barcelona, Canarias e México. Este venres viaxará a París para participar nesta gran final que terá lugar no Hotel Park Hyatt París Vendôme.

O xurado estará encabezado por Carlo d´Asaro Biondo, presidente de EMEA Strategic Relationships de Google e contará con directivos de Danone, Hyatt, Air France_KLM, Grupo Puccini, Axencia francesa de Desenvolvemento Turístico e Leading Hotels of the World. Durante esta fase final os membros do xurado entrevistarán a cada un dos finalistas, ademais de propoñerlles varios retos durante todo o día.

O obxectivo do concurso é premiar aos estudantes con máis talento da industria hoteleira proporcionando ao elixido a oportunidade de coñecer aos executivos de Hyatt Hotels Corporation, unha das empresas hoteleiras de maior prestixio en todo o mundo con 679 hoteis e resorts e presenza en 54 países, e descubrir, así, o estilo de xestión que pon en práctica.

Trátase da novena edición na que o Centro Superior de Hostalería de Galicia participa chegando á final en catro ocasións e quedando un ano vencedor con Elena Vázquez Candanedo, no ano 2014, e terminando en segundo posto con Juan Calvo, no ano 2012.

 

También te puede interesar