O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, David Regades, presentou este venres unha xornada dirixida ao persoal técnico dos concellos e das empresas do sector da auga e do medio ambiente que terá lugar o vindeiro 20 de decembro e na que se dará a coñecer unha nova ferramenta informática de xestión integrada do saneamento municipal accesible a través de internet.
Esta ferramenta foi desenvolvida no marco do proxecto ‘SANePLAN’ e nela participa a Deputación xunto ao Instituto Tecnolóxico de Galicia e á empresa italiana Physis SRL.
A aplicación responde a aspectos clave que facilitan a toma de decisións políticas e técnicas sobre esta cuestión, “dende as súas redes de saneamento, abastecemento, de pluviais e ata as propias estacións de depuración”, salientou Regades.
Grazas a esta aplicación, prestarase cobertura ás necesidades de xestión destas redes e estacións e preténdese impulsar a planificación en función das necesidades actuais e previsións futuras.
Así, a través de SANePLAN será posible xeorreferenciar infraestruturas, analizar o consumo enerxético, os custes e impacto ambiental, estudar as emisións de CO2, rexistrar e xestionar incidencias, analizar puntos críticos da rede e simular escenarios futuros tendo en conta situacións como “novos desenvolvementos urbanísticos ou, nas vilas con carácter turístico, a sobrepoboación estacional”.
Esta ferramenta instalarase nos catro concellos da provincia que participan no proxecto (Cambados, Ribadumia, Baiona e Vilanova de Arousa) e nos que xa se analizaron, previamente, máis de 425 quilómetros de rede de saneamento. Regades engadiu que “tamén se instalará no concello italiano de Chiesina Uzzanese, da Toscana e, unha vez rematada a xornada, levaranse a cabo sesións específicas de formación sobre o funcionamento da ferramenta cos técnicos e técnicas dos municipios participantes no proxecto”.
‘SANePLAN’ é un proxecto aprobado pola Unión Europea, dotado cun orzamento de 1,5 millóns de euros para a planificación integrada e xestión sostible do saneamento a través de tecnoloxía de precisión innovadora.