Centos de deportistas participarán o vindeiro 24 de decembro na cuarta edición da Carreira do Pavo das Neves, unha proba deportiva solidaria na que se poderá participar aportando un quilo de alimentos que recollerán os servizos sociais do concello para repartir entre aqueles veciños que máis o necesiten.
A proba foi presentada polo alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez; polo concelleiro de Benestar e responsable de Deportes, Óscar González; por membros da Asociación Cultural e Deportiva Sanomedio, organizadora da proba; e por Óscar Bernárdez, gañador da terceira edición da proba e recente gañador da Subida ao Castro en Vigo.
A proba desenvolverase o vindeiro 24 de decembro ás 16.00 horas nun circuito urbano de arredor de 5 quilómetros para a categoría absoluta e inferior para as categorías infantil e de pequerrechos.
Os interesados poderán inscribirse ata o 22 de decembro a través da páxina web e das redes sociais da ACD Sanomedio. Haberá duchas próximas para os que queiran, avituallamento de balde e premios para os gañadores.