Ciencia y Tecnología

Os parques de Bombeiros de Vilgarcía e Ribadumia contan dende hoxe con dous novos camións contra incendios e de salvamento

A Deputación de Pontevedra vén de adquirir, mediante procedemento aberto, dous novos camións autobombas urbanas lixeiras que serán engadidos á flota de vehículos do Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, supondo unha achega económica situada en preto de 568.000 €.

Deste xeito, substitúen os vehículos anteriores, de 12 anos de antigüidade e que supuñan, ademais de diversas carencias derivadas do paso do tempo e do seu uso, unha repercusión na seguridade dos e das traballadoras do Consorcio e na prestación e a calidade do servizo público de prevención, extinción de incendios e salvamento que ofrece a entidade.

O Consorcio Provincial do  Servizo contra Incendios e Salvamento de Pontevedra conta na actualidade con 16 vehículos cos que presta os seus servizos, distribuídos entre os parques de Bueu, O Porriño, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa. Son precisamente estes dous últimos, os de Ribadumia e Vilagarcía, os parques destinatarios destes dous novos vehículos.

Deste xeito os camións autobombas urbanas lixeiras darán servizo preferentemente por unha banda aos concellos de Barro, Cambados, O Grove, Meaño, Meis, Portas, Ribadumia e Sanxenxo e, pola outra, aos de Caldas de Reis, Catoira, A Illa de Arousa, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Estes 14 concellos son os de actuación preferente pola súa proximidade xeográfica aínda que  poden ser mobilizados para actuacións nos 49 concellos que integran o ámbito de actuación do Consorcio (todos agás aqueles nos que se prestan os servizos con persoal propio e teñen parque de bombeiros de seu, tanto de tipo local como comarcal) e incluso naqueles outros que os servizos de emerxencias consideren necesaria a súa presenza polas dimensións da emerxencia.

Estes vehículos servirán para a prestación dos servizos do Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, isto é, a execución das competencias do servizo público de prevención, extinción de incendios e salvamento e, máis en concreto, a colaboración cos servizos municipais de protección civil dos concellos para o salvamento de persoas e bens, a prevención e extinción de incendios, a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro ou situación de risco (entre elas, incendios, derrames, explosións, inundacións, accidentes de circulación, rescates e demais situacións de emerxencia que poidan derivarse delas) e o asesoramento e asistencia, formación e información en materia de seguridade que afecten a persoas, edificacións e instalacións, así como o fomento da autoprotección.

También te puede interesar