Traballadores do sector das ambulancias realizaron este xoves unha concentración no acceso ao hospital de día do Álvaro Cunqueiro de Vigo para reclamar un convenio colectivo digno. Dende a CIG denuncian que a patronal mantén paralizadas as negociacións e apostan por continuar coas protestas.
As mobilizacións responden á actitude “absolutamente irresponsable” da patronal que conta coa “complicidade da Xunta, da Consellería de Sanidade e da Fundación de Emerxencias Sanitarias 061”.
Lembran que nos últimos concursos do transporte en ambulancia a Xunta otorgou a concesión do servizo a empresas que ofertaron até un 12% por debaixo do prezo de custo. “Agora esas mesmas empresas pretenden que os traballadores paguemos esa rebaixa do noso peto e co noso esforzo, cando todo o mundo sabe que unha mellor calidade no traballo significa un mellor servizo”, aseguran.
Os traballadores sinalan que unha gran parte do sector cobra menos de 800 euros, posto que está contratado en prácticas. Ademais, as bases do persoal non reúnen as condicións axeitadas e non se desinfectan os uniformes de traballo, co risco que isto supón para a saúde de traballadores/as e pacientes.