Vigo al minuto

O BNG presentará enmendas por 7,5 millóns de euros aos orzamentos de Vigo

O BNG presentará 42 enmendas aos orzamentos municipais de Vigo aprobados o pasado 21 de novembro en pleno só cos votos a favor do PSOE, cambios por un importe de 7,5 millóns de euros cos que ofrecer “unha alternativa completa aos orzamentos elaborados polo Goberno municipal”.

O grupo nacionalista pretende enfocar os orzamentos a “dar unha mellor resposta ás necesidades reais da veciñanza e do conxunto de barrios e parroquias, a través dun aumento do gasto social e do investimento de tipo dotacional“, como explicou o responsable local, Serafín Otero.

As 42 emendas foron elaboradas recollendo as propostas que desde o tecido asociativo da cidade se lle fixeron chegar ao BNG, como resultado da campaña desenvolvida nas últimas semanas e coa que se puxeron en contacto con máis dun cento de organizacións veciñais, sociais, culturais, deportivas, ambientais e sindicais.

Entre as principais medidas recollidas polos nacionalistas nos orzamentos están “ofrecer máis e mellores servizos públicos para a veciñanza” coa construción de 3 novas escolas infantís municipais en Coia, Balaídos e O Calvario; a posta en marcha de dúas novas bibliotecas nos barrios de Navia e Teis; a recuperación do programa de lecer xuvenil alternativo Súbete ó Castro; e a elaboración dun estudo para o rescate de servizos municipais hoxe concesionados a empresas privadas.

Para dar resposta “á grave situación social e ao crecente empobrecemento”, as nacionalistas apostan en reforzar con máis recursos a política social do Concello, co aumento de partidas destinadas a axudas de emerxencia (+250.000 euros), cheque social (+860.000 euros), becas de libro e comedor (+300.000 euros) e á axuda médico-farmaceútica (+120.000 euros).

Salienta, nas emendas, a creación dun Plan Municipal de Axuda ao Alugueiro para crear unha nova axuda de como máximo 200 euros mensuais para familias con poucos recursos económicos “como medida preventiva que evite que cada ano moitas familias se vexan ameazadas polo risco de desafiuzamento”.

También te puede interesar