Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia requisaron máis de 950 quilos de peixe e marisco e 538 útiles de pesca en diferentes operativos realizados nos últimos días polo litoral galego. Os inspectores da Xunta tamén se fixeron con preto de 10.000 metros de artes de enmalle.
A ría de Arousa foi escenario de varias actuacións nas que os axentes requisaron preto de 720 quilos de distintas especies de peixe e marisco, 50 aparellos de pesca e 5.600 metros de artes de enmalle. O control máis destacado foi no porto de Ribeira e saldouse coa incautación de 622 quilos de peixe espada que carecía de documentación que acreditase a súa procedencia.
Na ría de Pontevedra os gardacostas aprehendéronse de máis de 20 quilos de peixe e marisco, 128 útiles de pesca e 750 metros de artes de enmalle. A actuación máis relevante foi en Aldán, onde os axentes incautaron 50 nasas e os preto de 7 quilos de polbo que había no seu interior.
Na ría de Vigo os gardacostas requisaron máis de 72 quilos de peixe e marisco, 162 aparellos e 1.150 metros de artes de enmalle. Nun deles, realizado en Panxón, os axentes comisaron 87 nasas, 16 quilos de raia, 14 de polbo, 7 de centola, máis de 2 quilos de nécora e os 1.150 metros de aparellos de enmalle.
Ademais, nuns controis realizados na ría de Muros e Noia, os gardacostas comisaron máis de 70 quilos de peixe e marisco, 70 aparellos e 850 metros de enmalle. A operación máis relevante foi nas zonas de Punta Caveiro e Abelleira, onde se aprehenderon de 50 cacharros, 20 raeiras, 100 metros de artes de enmalle e case 1 quilo de polbo.
En Camariñas tamén se desenvolveron diversos operativos nos que os axentes se aprehenderon de máis de 65 quilos de especies e 77 aparellos de pesca. No máis importante requisáronse 46 nasas e 7 quilos de centola. A maiores, nas zonas do Pindo e Dumbría desenvolvéronse outros operativos que se saldaron co comiso de 51 nasas, 2 quilos de polbo e 550 metros de aparellos de enmalle. A ría de Ferrol tamén foi obxecto dunha actuación que tivo como resultado o comiso doutros 750 metros de aparellos de enmalle.