A Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo concentrouse este martes no interior do hospital Álvaro Cunqueiro para reclamar que se poña fin ao caos de tráfico existente na contorna do centro médico e se habiliten máis prazas de aparcamento gratuíto en superficie. Ao remate da protesta a representación dos traballadores rexistrou un escrito con estas demandas dirixido ao alcaldede Vigo, Abel Caballero, e ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.
Dende a Xunta de Persoal explican que os problemas que a diario se rexistran no acceso ao hospital Álvaro Cunqueiro afectan tanto aos traballadores, “que teñen serios problemas para acceder aos seus postos de traballo en tempo e forma”, como ao persoal das ambulancias, “que se atopan con verdadeiros tapóns para acceder a Urxencias ou a outros servizos”.
Pero aseguran que tamén se ve afectado o persoal do transporte público, urbano e interurbano, que a determinadas horas ten difícil manobrar no entorno do hospital e cumprir cos horarios programados.
Segundo denuncian, esta situación obedece a unha “mala planificación dende a concepción mesma do proxecto, que se centrou en dirixir o tráfico de vehículos privados ao aparcadoiro de pago, deixando nun lugar secundario o acceso peonil, o transporte público e a garantía de acceso dos profesionais e das ambulancias”.