O pleno do Concello de Nigrán aprobou por unanimidade a proposta do goberno para establecer as bases que rexerán as axudas de emerxencia e programa de alimentos municipais, polo que estarán a disposición dos interesados dende o día 1 de xaneiro de 2017. Estas teñen como obxectivo regular o outorgamento de axudas ou subvencións ante situacións de necesidade dos individuos ou das familias, así como estimular a súa incorporación social e laboral.
Constitúen unha prestación económica de carácter urxente e extraordinario, destinadas a paliar situacións carenciais e transitorias imprevistas ou excepcionais, así como para evitar o seu agravamento. Sería para o pago de alugueres, hipotecas, fianzas, gastos de comunidade; conservación das vivendas e adquisición de mobiliario e equipamento, gastos de luz, auga ou gas, acometidas de saneamento e abastecemento, acondicionamento sanitario ou reformas en xeral.
O programa de alimentos ten por obxecto a cobertura das necesidades básicas de manutención das persoas empadroadas e residentes en Nigrán que se atopen en situación de exclusión social debido a súa precariedade económica ou carencia de ingresos, de xeito que se garanta a cobertura duns mínimos de subsistencia á unidade de convivencia.
Bonificación nun 95% no IBI de cinco entidades
Por outro lado, o plenno aprobou tamén considerar de interese ou utilidade municipal ás cinco únicas entidades do municipio que aínda pagaban o Imposto de Bens Inmobles (IBI) co obxectivo de poder rebaixarllo no vindeiro exercicio nun 95%, o máximo permitido por lei.
Esta declaración beneficia ao CRC O Torreiro de Priegue, a Asociación Cultural As Angustias, o Centro Cultural y Deportivo Bolos da Carrasca, a AVAC A Unión de San Pedro da Ramallosa e Asociación de Veciños A Camoesa, todos eles colectivos que ata agora pagaban o 100%.
Esta medida supón para estas entidades un aforro de preto de 1.300 euros ao ano.