Un grupo de ex empregados do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) desprazáronse até Vigo acompañados do secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, para continuar co seu calendario de mobilizacións co obxectivo de que lles abonen os máis de 2 millóns de euros que lles adebedan pola compra dos terreos que ocupaba a antiga fábrica de louza en Cabral e Coruxo.
Os ex traballadores comezaron unha ruidosa protesta diante dos Xulgados da rúa Lalín pouco despois das 10 da mañá, onde permaneceron arredor dunha hora facendo soar bucinas e cacharros e despregaron unha faixa na que se podía ler “Inversiones Subel non paga. GEA solución”.
A continuación trasladáronse até o número 12 da rúa Colón para continuar coas mobilización, esta vez ás portas da sede da inmobiliaria ‘Residencial El Rocío’, unha das implicadas no proceso de compra do solo sobre o que se levantaba a empresa. Alí despregaron dúas faixas cos lemas “Queremos cobrar” e “GEA solución xa” e seguiron a facer ruído golpeando todo tipo de utensilios.
Segundo explicou o secretario comarcal da CIG-Pontevedra, Inversiones Subel adquiriu, hai xa máis de unha década, a parte dos terreos que ocupaban as instalacións de GEA en Cabral e Coruxo. Estas parcelas correspóndense co 25% dos terreos que lle tocou xestionar á CIG logo de que GEA péchase no ano 2001 sen pagar os salarios e as indemnizacións ao seu persoal.
Para facer fronte ás débedas o patrimonio do grupo de empresas foi embargado e adquirido en poxa xudicial polo colectivo de traballadores -arredor dunhas 1.000 persoas-. Neste proceso, á CIG tocoulle xestionar os terreos que ocupaba GEA en Cabral e Coruxo, que foron vendidos en exclusiva a Inversiones Subel.
Naquel momento a inmobiliaria pagou unha parte do valor industrial, pero ás afectados aínda lles resta por percibir a diferenza até o valor total que adquiriron os terreos unha vez recualificados como urbanos, tal e como se pactara entre ambas partes.
Porén, á lentitude do proceso sumouse o conflito aberto entre Subel e o Concello de Vigo pola recualificación dos terreos, xa que a empresa consideraba que o estabelecido no PXOM -agora derrogado- minguaba a súa marxe de beneficios, iniciando un periplo xudicial que chegou mesmo ao Tribunal Supremo.