Imagen:vigoalminuto/Este xoves, día 29 de decembro, ás 11 da mañá no antigo Reitorado, terá lugar a primeira reunión da Xunta de Goberno da Área Metropolitana.
O presidente da mesma adiantou que os principais asuntos que abordará o goberno metropolitano será o estudo das solicitudes para integrarse na entidade dos concellos que pediron entrar na mesma; a solicitude da Xunta e Deputación para constituír o Comité de Cooperación; a constitución dos grupos políticos metropolitanos e as propostas para as vicepresidencias, ademais da designación da sede da Área e o informe sobre a elaboración do Plan Metropolitano Cuadrienal.
En relación con este Plan, Abel Caballero comentou que o documento trazará as liñas de actuación da Área Metropolitana para os vindeiros anos, e subliñou que “a Área Metropolitana de Vigo vai empezar a tomar decisións en favor dos cidadáns”.
Pola súa banda, alcaldes e concelleiros do Partido Popular adiantaron que non entrarán no goberno da Área e no participarán na toma de decisións, reafirmaron a opinión da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o alcalde de Redondela, Javier Bas, expresada xusto despois da constitución do organismo, o pasado día 1, no que indicaron que dan por morta a mesma e dubidaban da lexitimidade de Abel Caballero coma presidente.
Hai unha semana a nova presidenta do PP de Vigo e voceira municipal do Partido Popular, Elena Muñoz, adiantaba que “o Partido Popular non vai a estar na Área Metropolitana que se quere construír ao servizo dunha persoa, o Partido Popular participará cando realmente sexa para traballar ao servizo dos cidadáns” ao tempo que, coma o resto do representantes do seu partido, puxo coma condición a integración “efectiva e real” de Vigo no Plan de Transporte Metropolitano.