O Goberno local de Ponteareas deu conta da conclusión de boa parte dos traballos de recuperación da Senda do Tea entre o núcleo urbano de Ponteareas e o Piñón na parroquia de Padróns, unha das zonas máis danadas polos temporais do pasado inverno. As actuacións realizáronse respectando o río.
Os traballos principais consistiron na retirada de todos os materiais da senda, nivelando e compactando a mesma, nas zonas de maior erosión ocasionada polas riadas e na variación do trazado da senda en dúas zonas, aproveitando camiños xa existentes. Tamén se realizaron dúas pequenas escolleras para estabilizar os noiros das marxes, substitución dun tramo de valado por postes de madeira tratada para opoñer menos resistencia ás enchentes.
Outra das actuacións relevantes consistiu na eliminación de especies invasoras e a plantación de 1.000 plantas de especies autóctonas propias da ribeira do Tea.
Como os traballos non se puideron realizar antes, motivado a que convenio asinado coa Xunta para a súa financiación, foi asinado no pasado mes de setembro, o goberno local preferiu actuar con prudencia e optou por deixar para despois do inverno a substitución da capa de xabre por outra estabilizada con ligante ecolóxico, naquelas zonas onde os danos ocasionados foron puntuais e nos que quedaron os traveseiros debidamente ancorados. Estas zonas son as únicas deste tramo de 4 quilómetros nos que os traballos están incompletos para evitar máis posibles danos neste inverno.
A senda xa está sendo disfrutada polos veciños, cada semana en maior medida. Dende o goberno local tamén informan do seu compromiso co mantemento da senda para evitar que as escorrentías poidan deteriorala e acabar no río os arrastres de terra.