Internacional

A Marcha Mundial de Mulleres lembra en Vigo ás tres kurdas asasinadas hai catro anos en París

A Marcha Mundial de Mulleres lembrou este luns, día 9 de xaneiro, en Vigo, diante do MARCO,  ás tres mulleres kurdas militantes que foron atopadas asesinadas por bala no pescozo e peito no centro de información do Kurdistán, en Paris, o 9 de xaneiro de 2013.

Sakine Cansiz, cofundadora do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), Fidan Dogan, membra do Congreso Nacional do Kurdistán, e Leyla Soylemez unha rapaza militante kurda, foron asasinadas no momento no que o goberno turco tivo que reiniciar as negociacións de paz co dirixente kurdo Abudallah Ocalan, preso dende 1999.Foi palpábel que a matanza das tres mulleres que dedicaron as súas vidas a defenderen os dereitos políticos e culturais do seu pobo só podería favorecer o Estado que as oprimiu.

O día 5 de xaneiro do 2016, o exército turco en Silopi, Norte do Kurdistán, volveu a asasinar a tres militantes kurdas. Seve Demir, organizadora da posta en marcha da Caravana Feminista para a IV Acción Internacional da Marcha Mundial das Mulleres en Nusaybin e membra do Partido Democrático das Rexións (BDP), cumpriu quince anos de prisión, sobreviviu a 68 días en folga de fame, e foi militante no movemento político kurdo; Pakize Nayir, vicepresidenta da Asamblea Popular de Silopi; e Fatma Uyar, membra da Unión de Liberación das Mulleres, foron asasinadas durante unha redada turca no barrio de Yeşiltepe.

“Os asasinatos das activistas kurdas , que dedicaron as súas vidas a loitar pola liberdade e emancipación das mulleres revelan a brutalidade do goberno turco contra os kurdos, e a falta de vontade para chegar a calquera acordo de paz”.

Neste sentido, como sinalouse no manifesto que se leu na concentración, “é fundamental recoñecer a importancia das nosas irmás kurdas asasinadas na súa loita pola liberdade, poñendo en perigo as súas vidas para loitar polos dereitos do seu pobo. As matanzas destas mulleres son un ataque á loita das mulleres kurdas pola liberdade, máis tamén son un ataque a tódalas mulleres militantes de todo o mundo. Polo tanto, a Marcha Mundial das Mulleres incluíu o 9 de xaneiro no calendario das súas actividades, como un día para lembrar a tódalas irmás mortas mentres loitan por un mundo mellor”.

También te puede interesar