Segundo informa o Goberno de Galicia, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, percorrerá a partir deste luns ata o venres 20 de xaneiro República Dominicana e Cuba co obxectivo de visitar os proxectos que a Xunta, a través dos fondos de cooperación ao desenvolvemento, financia nestes dous países caribeños.
O director xeral ten como obxectivos principais da viaxe ao Caribe- onde as temperaturas rondan os 25 graos, no caso da República Dominicana, e os 28 en Cuba– ademais de supervisar os proxectos, reunirse coas organizacións que os lideran e coas autoridades locais que os apoian, e “escoitar as apreciacións das persoas beneficiarias dos mesmos”.
Esta “intensa semana de traballo” comezará na capital dominicana, Santo Domingo, onde a delegación visitará na mañá do luns o Instituto Politécnico de Haina onde a ONGD Humanismo y Democracia leva a cabo un proxecto educativo e tecnolóxico.
Segundo subliña a Xunta “a República Dominicana é un país estratéxico para a Cooperación Galega desde o I Plan Director do 2006 ata o actual”. O volume de axuda canalizada ao país desde o 2009 é de 2.709.312,34 €.
O mércores a delegación da Xunta viaxará a La Habana, para proseguir o seu programa. O volume de axuda canalizada ao país desde 2004 ata o momento é de 2.296.458,63 euros, distribuídos en 27 intervencións.