O persoal de Alonarti Envases, empresa dedicada á fabricación de envases para a industria farmacéutica e cosmética con sede no Porriño, vén de convocar folga indefinida polo despido disciplinario dun afiliado da CIG. Dende a central denuncian que se trata dun “intento da dirección de amedrentar os empregados de cara á inminente negociación dun novo convenio colectivo”.
A maioría dos traballadores de Alonarti decidiron en asemblea apoiar o paro indefinido que dará comezo o vindeiro martes 17 de xaneiro ás 6 emedia da mañá para rexeitar o despedimento disciplinario dun afiliado da CIG. Dende a central denuncian que con esta decisión a empresa pretende darlle un “toque de atención” ao cadro de persoal -integrado por un cento de persoas.
A convocatoria do paro indefinido foi promovida polos representantes da CIG no comité de empresa de Alonarti Envases, integrado por sete delegados da central nacionalista e dous da UGT, sindicato que decidiu non sumarse á folga.