As ex traballadores do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) que asesora a CIG recibiron onte os 144.000€ que lles adebedaba o avogado José Pérez Pousa e a empresa Residencial El Rocío correspondentes á venda de parte dos terreos da fábrica en Cabral e Coruxo. Con todo, o persoal da antiga compañía de louza continuou hoxe coas mobilizacións para reclamarlle á inmobiliaria Subel que lles abone os 2,5 millóns de euros restantes.
Co obxectivo de reclamar o pago desta cantidade esta mañá desenvolveron unha concentración ás portas do Xulgado de Vigo, que vén de decretar a apertura de dilixencias tras a denuncia presentada pola CIG. Os afectados despregaron unha faixa na que se podía ler “Inversiones Subel non paga. GEA solución” e permaneceron durante dúas horas facendo ruído con todo tipo de utensilios.
O secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, que acompañou aos traballadores durante a protesta, amosou a súa satisfacción polo feito de que o ex persoal de GEA vaia cobrar parte da débeda e apostou por continuar coas mobilizacións até que ingresen todos os cartos pendentes. “O cobro desta cantidade foi posíbel pola actitude incansábel dos ex empregados, que levan meses desenvolvendo protestas tanto en Vigo como na Coruña”, indicou.