Así ven de difundilo a dirección da Área Sanitaria de Vigo ao tempo que asegura que está adoptando “todas as medidas necesarias para dar resposta a alta frecuentación que estes días vense rexistrando no servizo de Urxencias hospitalarias”.
Este domingo, dacordo cos seus datos, atendéronse a 474 pacientes adultos, “o que constitúe a cifra máis alta dende a apertura do Álvaro Cunqueiro”. A media diaria de asistencias urxentes de adultos do pasado ano 2016 foi de 335, polo que onte atendéronse 139 pacientes, “un 41,4% por encima da media”.
A Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) engade que o perfil de paciente é unha persoa maior, con patoloxía crónica de base, que “sofre unha reagudización do seu proceso por mor dunha infección respiratoria. Polo tanto, trátase de pacientes máis complexos que necesitan dun maior tempo de atención e que, nunha porcentaxe dun 18,18% requiriron onte ingreso hospitalario, mentres que a media do pasado ano foi do 15%”
A dirección da Área Sanitaria salienta que “a pesar dos altos índices de ocupación dos hospitais, a programación cirúrxica non se ten visto alterada nin foi necesario derivar ningún paciente a centros concertados” e reitera que , “ao igual que está acontecendo en todos os servizos de Urxencias de España e Europa, as Urxencias do Álvaro Cunqueiro experimentan unha maior presión asistencial, motivada fundamentalmente pola gripe e patoloxías respiratorias relacionadas coas condicións climatolóxicas”.
A Xerencia do CHUVI engade que dende as 8 da mañá deste martes está en funcionamento un ala -con 30 camas- da terceira planta do hospital Meixoeiro para pacientes de Medicina Interna e Xeriatría, “que permanecía inoperativa desde a apertura do Cunqueiro”. A súa posta en funcionamento veu acompañada da dotación do persoal sanitario necesario para a atención dos pacientes, con 1 médico, 12 enfermeiras, 9TCAEs (Técnico de Coidados Especializados de Enfermaría), e 1 celador.
Ademais, engade, nos últimos días, de xeito progresivo, duplicáronse as camas das habitacións -onte foron 8 máis- no Cunqueiro, que xa ten habilitadas 52 camas máis, o que se suma ao reforzo do cadro de persoal de Urxencias con 1 médico, 1 enfermeira, 1 TCAE e 1 celador en Urxencias .