É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másO Parque Nacional das Ilas Atlánticas recibe o galardón ‘Top 100 Quality Coast’ que o acredita como un dos mellores parques naturais do mundo
A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, sinalou que o espazo-imán do Parque Nacional das Illas Atlánticas será un atractivo para impulsar e dinamizar o patrimonio natural da súa contorna máis próxima. Este é un dos retos do Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, elaborado polo Goberno galego e que recolle os cinco eixes que determinan esta cita, como é o feito de apostar polo crecemento económico inclusivo e sostible; a inclusión social, o emprego e a redución da pobreza; o uso eficiente dos recursos, protección ambiental e cambio climático; valores culturais, diversidade e patrimonio e a comprensión mutua, paz e seguridade.
A directora presentou esta mañá este plan de promoción, que identifica un total de ‘17 espazos imán’ que son enclaves polo seu alto valor patrimonial e por ser os espazos naturais máis coñecidos e recoñecidos, polos galegos e polas persoas que visitan Galicia.
O Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural ten tres eixes de actuación, que son a posta en valor do patrimonio natural; a promoción e comunicación do patrimonio, a través de feiras e elaboración de paquetes turísticos; e a educación ambiental e divulgación dos recursos naturais de Galicia, co que se apostará pola difusión e investigación científica, dende un punto de vista didáctico. Un plan para levar a cabo durante os próximos catro anos, que conta con 4 millóns de euros e que permitirá levar a cabo 29 actuacións distintas. Mato Otero recordou que o plan tamén integra unha nova imaxe e marca: “Galicia, natural e única”.
Entre os mesmos, destacan os seis parques naturais -Fragas do Eume, Complexo Dunar de Corrubedo e as Lagoas de Vixán e Carregal, Monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro e Serra de Enciña da Lastra), o Monumento Natural da Praia das Catedrais, dous espazos da Rede Natura (Carnota-Monte Pindo e a Ribeira Sacra e Canóns do Sil) e as seis reservas da biosfera (os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, o Río Eo, Oscos e Terras de Burón, a Área de Allariz, as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, as Terras do Miño e a tranfronteiriza do Xurés-Gerês, e recentemente o Courel-.
A idea é aproveitar o recoñecemento e popularidade destes espazos para convertelos en elementos de atracción de visitantes cara outros enclaves, creando sinerxias entre os diferentes espazos, polo que nun radio de 30 e de 50 quilómetros, cóbrese a gran maioría do territorio de Galicia.
Unha das novidades que recolle este plan é a posta en marcha da primeira plataforma web da Rede de Parques en Galicia –parquesnaturais.xunta.gal-, en colaboración coa Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega), coa que se quere ofrecer ás persoas que visitan os parques, toda a información para gozar e sacar o máximo proveito da súa visita.
Incluirá información práctica sobre como chegar, as visitas e rutas que poden realizar unha vez que estean nos parques, ou os servizos cos que alí se van atopar; en definitiva, facilita o acceso á información e valoriza estes espazos e a súa contorna. Argumentou que na na actualidade as novas tecnoloxías e as redes sociais forman parte da nosa vida cotiá, polo que o patrimonio natural non pode quedar atrás.
Tamén se realizou unha renovación da aplicación para dispositivos móbiles e que agora contén información máis actualizada e accesible, tanto dos valores dos parques como os recursos que se atopan nos mesmos, e establece enlaces cos servizos de información de concellos e mancomunidades da súa área de influencia. Esta App tamén se ampliará para incluír na mesma o conxunto de espazos protexidos da Comunidade, ao tempo que se fomentará a presenza nas redes sociais do patrimonio natural e o uso desta canle como ferramenta de promoción e valorización.
A directora de Patrimonio Natural recordou que o parque vén de recibir o galardón Top 100 Quality Coast, que acredita a inclusión do Parque Nacional das Illas Atlánticas neste ranking, que é o maior programa internacional de certificación para este tipo de destinos turísticos.
Salientou que a importancia deste recoñecemento radica no feito de que QualityCoast forma parte da iniciativa global Green Destinations, a maior asociación mundial en turismo sostible, que conta con 50 socios en 30 países.
Defendeu que esta distinción, xunto cos Carta Europea de Turismo Sostible –recibida en decembro de 2015- ou o certificado de Destino Turístico Starlight recibido na edición anterior de Fitur, e os valores que o definen como Parque Nacional das Illas Atlánticas fan deste enclave o buque-insignia do turismo natural de Galicia e un punto turístico prioritario, xa que é o segundo destino turístico máis demandado en Galicia, despois da Catedral de Santiago.