É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másA Illa de Sálvora será declarada Ben de Interese Cultural
A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciaron este mércores o inicio dos trámites para incluír a illa de Sálvora na lista exclusiva de Bens de Interese Cultural (BIC).
Trátase da primeiro espazo natural que ostentará o título de BIC Paisaxe Cultural, unha categoría creada pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, aprobada o pasado ano. Os titulares de ambos departamentos coincidiron en sinalar que a illa “cumpre” todos os requisitos medioambientais e paisaxísticos, pero tamén etnográficos e culturais para ser declarada BIC dentro da categoría Paisaxe Cultural, unha figura pensada para distinguir aqueles lugares identificables por un conxunto de calidades culturais, materiais e inmateriais singulares.
Ambas consellerías levan varios meses preparando a documentación técnica do expediente, que foi informado favorablemente no día de onte pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O seguinte paso será sometelo a información pública, momento no que entrará en vigor o réxime provisional de protección para a illa.
Neste sentido, Mato explicou que, nos dous últimos anos, investíronse 48.000€ para a consolidación da aldea, isto é, a rehabilitación de inmobles e hórreos, a reparación dos tellados das casas, a renovación dos paneis interpretativos e indicadores e a recompilación de útiles.
Ademais, o pasado ano destinouse unha partida de preto de 100.000€ para mellorar os camiños, adoptáronse medidas para a prevención dos lumes forestais, realizáronse traballos para o trampeo do visón americano, elaborouse un dossier para recibir a Carta Europea de Turismo Sustentable, deseñouse material divulgativo e participouse no seguimento de aves.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio lembrou tamén que, xunto co Ministerio, “asuminos unha das actuacións fundamentais como é a elaboración do Plan Director da Paisaxe Cultural da Illa de Sálvora”. Con este documento, establécese a folla de ruta para o coñecemento integral do territorio insular e da súa arquitectura tradicional, así como a estruturación dos instrumentos adecuados para protexela e poñela en valor. En definitiva, o plan “conta con todos os fundamentos” para garantir o diálogo permanente entre a paisaxe natural e os elementos construídos.
Mato Otero manifestou que a Illa de Sálvora conta, pois, “con valores que acreditan a súa declaración como Ben de Interese Cultural”. É a maior reserva de Europa de erodium, unha das especies desta planta atópase en perigo de extinción e en Sálvora contabilizáronse 60.000 exemplares. Tamén é reserva de cabalo autóctono galego e reserva biolóxica de aves mariñas, en concreto, corvos mariños cristados e gaivotas patiamarillas. Ademais, ten un gran valor xeolóxico polos bolos, grandes rochas graníticas erosionadas polo vento e características da súa paisaxe; e dispón de arquitecturas sobranceiras, como a fábrica de salgadura recentemente restaurada. Por último, subliñou a conselleira, ten un pasado histórico.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultural, Román Rodríguez, explicou que Sálvora reúne unha serie de características singulares que resaltan polos seus valores artísticos, tipolóxicos, urbanísticos e identitarios. “Cada un dos bens arquitectónicos da illa -a aldea, o faro, a telleira, o pazo-almacén, a taberna,…- son elementos da arquitectura tradicional vinculada a unha determinada época e modo de vida”, sinalou o conselleiro, quen destacou sobre todo a aldea como exemplo de lóxica organizativa e racionalidade “que lle confire un enorme valor arquitectónico, urbanístico e etnográfico”.