Cultura Vigo al minuto

Un xulgado dalle a razón a unha veciña de Vigo e sentenza que é posible que dúas persoas que cobran a RISGA vivan xuntas

O conselleiro de Servizos Sociais, Rey Varela

O Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Vigo, dalle a razón a unha veciña de Vigo á que a Xunta negárlalle a posibilidade de cobrar a Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA) polo feito de compartir vivenda con outra persoa.

O xulgado, en sentenza nº 389 de 23/11/2016 conclúe que a prohibición de que nun mesmo domicilio físico se perciba só una RISGA é contrario a dereito e que “só se pode defender e aplicar dita medida cando os membros dese domicilio manteñan entre si un vínculo ou relación familiar”.

A Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS) denuncia que ano tras ano, a Xunta reforma as condicións para poder optar a esta renda, “engadindo requisitos de acceso e circunstancias excluíntes, que fan que cada vez máis persoas véxanse privadas do dereito a percibir ou manter dita renda”.

A necesidade de ficar sen ningún ingreso para poder solicitala, a concesión dunha soa RISGA por unidade familiar, e non por persoa, a exclusión das persoas migrantes sen papeis, o exhaustivo control para renovar o dereito, “son todos eles, requisitos establecidos nas sucesivas leis que amosan a incapacidade do goberno autonómico para se enfrontar de raíz ao problema da precariedade que moitas persoas  estamos a sufrir”, indica a ODS.

Lucía, “que, coma moitas outras, veu ameazado o seu dereito a renovar a RISGA polo mero feito de compartir piso con outra persoa, foi quen de recorrer e pelexar dita decisión nos xulgados. Logo de esgotar a vía administrativa, decidiu solicitar avogado de oficio para procurar na xustiza os dereitos que a Xunta lle negaba en forma de denegación da RISGA”.

Agora o xuiz, nesta sentenza sinala, literamente, que para que se poida excluír a percepción de máis dunha RISGA por vivenda, “non basta con convivir, é preciso que concorra esa específica relación persoal. A demandante convivía con outra persoa perceptora da Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA) e esa compañía habitacional era perfectamente compatible coa norma reguladora. Sería inverosímil que dúas persoas que perciben sendas prestacións para eludir a súa exclusión social, tiveran que excluirse mutuamente para non incorrer nesa exaxerada inclusión”.

O fallo desta resolución xudicial, sinala a Oficina de Dereitos Sociais, é de suma importancia para “todas aquelas persoas que, no país, vense obrigadas a mudarse de domicilio para non xuntar dúas ou máis RISGAS nunha mesma vivenda, aínda que só compartan piso, ou non teñan máis relación ca da simple amizade”.

Te podría interesar