Baixo este título, a frase que pronunciou Arquímedes de Siracusa xusto antes da súa morte, cóntase, dun xeito lúdico e directo, a peripecia dun científico que trata de se reinventar inspirándose no sabio grego.
Nese intento, dá vida a diferentes personaxes que propician un paralelismo constante entre sucesos da época antiga e actuais, mediante distintas técnicas actorais e titiriteiras e cancións en directo, nun ton xeral de ironía e humor.
Esta mestura de ciencia, historia e actualidade, dentro dunha orixinal posta en escena, chega e sorprende a públicos de todas as idades.
Interpretado por Santi Montenegro, o espectáculo está dirixido por Rosa Hurtado, e conta, entre outras, coa colaboración do compositor Ramón Souto na música, dos actores Manuel Pombal e Óscar Codesido na dramaturxia e do escenógrafo Suso Montero na plástica.
‘Non toques os meus círculos’-que pódese ver no Auditorio Municipal (Praza do Rei) o vindeiro venres, día 10 á 9 da noite, cun prezo de 5€-contou co asesoramento científico do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, e foi galardonado cunha Mención de Honor na final do certame Ciencia en Acción, celebrada o pasado outubro en Algeciras.