O Concello de Nigrán iniciou o 1 de febreiro con record de inscritos nos cursos destinados á terceira idade de Memoria Básica, Memoria Avanzada, Expresión Corporal e Informática. En total, 78 maiores do municipio benefícianse xa destes obradoiros que se desenvolverán ata o mes de decembro nas instalacións do Centro da Terceira Idade na Ramallosa.
O curso de informática, con tres grupos de dez persoas cada un e duas clases á semana de hora e media, é o máis numeroso -no resto hai o tope máximo de 16 alumnos/curso-. O Concello renovou o equipamento con dez novos ordenadores -os existentes estaban obsoletos- e unha impresora.
“Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, como este tipo de cursos, turismo social e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González, en referencia ao pioneiro programa municipal que se leva adiante no CEE de Panxón.
Nesta liña, o Concello repetirá o programa de turismo social destinado á terceira idade co obxectivo de dar a coñecer aos maiores outros lugares de Galicia. “En definitiva, son cuestións todas que contribúen á súa mellora do ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver problemas, estimulación da actividade cerebral ou reconstituínte da memoria e da atención”, suliña o rexedor, quen engade que “a todos estes beneficios hai que engadirlle que se socializarán e, en definitiva, sentiranse máis felices e vitais”.