Os sindicatos con representación no sector da estiba, entre eles a CIG, veñen de anunciar a convocatoria de tres xornadas de folga na Sociedad Anónima de Gestión de Estibadores Portuarios (Sagep) a nivel estatal.
Con este paro, as centrais sindicais quere amosar o seu rexeitamento do decreto lei do Goberno español que liberaliza a actividade de carga e descarga de mercadorías nos portos. Dende a CIG denuncian que con este cambio de normativa “perséguese beneficiar as grandes empresas en detrimento das condicións laborais dos traballadores”.
As centrais CIG, CETM, CCOO, UGT e CGT decidiron promover os paros que se desenvolverán durante as horas impares -dende as 8.00 horas até as 8.00 horas- dos vindeiros días 20, 22 e 24 de febreiro para amosar o seu rexeitamento á liberalización do sector mediante un decreto lei do Ministerio de Fomento “co que se pretende converter os portos nun gran negocio”.
A reforma que ultima o Goberno español, alertan os representantes dos traballadores, suporá que os actuais contratos indefinidos dos estibadores se tranformarán en postos de traballo precarios, xa que as empresas poderán substituír libremente un 25%, 50% e 75% dos cadros de persoal durante os vindeiros tres anos.
“Queren acabar coa regulación labroal para facer dos portos un novo negocio para as grandes compañías, favorecendo os monopolios en contra do conxunto da sociedade, cando os portos deberan ser para crear riqueza e non miseria”, censuran dende a FGAMT-CIG.
Ao mesmo tempo, os sindicatos lembran que o decreto lei que quere impoñer o Ministerio chega cando os traballadores e a patronal se atopaban no proceso de elaboración dun documento conxunto de reforma da lei para adaptala á sentenza do Tribunal Europeo, que establece a liberalización do sector. Este acordo previo, que ficou truncado tras o anuncio do ministro, contemplaba un plan de reestruturación a sete anos, a subrogación do persoal ou a creación dun rexistro de estibadores.
Pola contra, os sindicatos entenden que a proposta do Goberno central supón na práctica “un ERE encuberto, pagado con cartos públicos, que suporá a posta en marcha dun modelo no que as empresas poderán contratar libremente e indemnizarán os despidos con fondos públicos das Autoridades Portuarias”.