O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e a deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, presentaron esta mañá os actos de conmemoración do 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro que a partir deste ano se realizarán na Deputación de xeito sistemático. Leal explicou que o grupo provincial do BNG presentará mañá no Pleno da Deputación unha moción que se aprobará pola unanimidade dos grupos provinciais para declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía.
A moción implica o compromiso do ente provincial para apoiar aos concellos da provincia nas actividades de conmemoración deste día, e a celebración dunha lectura pública da obra rosaliana. “Queremos dignificar e reivindicar a figura de Rosalía dende a propia institución, por iso este venres faremos un acto simbólico con todos os grupos da Corporación antes da aprobación da moción no Pleno. Trátase dun acto que se vai institucionalizar e que cada ano teña maior variedade”, subliñou o deputado.
Para o acto de mañá, o departamento de Cultura -que xa celebrara o pasado ano unha lectura pública no Sexto Edifico do Museo, na sala que alberga a obra do fillo da autora, Ovidio Murguía de Castro-, promove unha lectura no Pazo provincial (ás 11.30 horas) na que participarán representantes de toda a corporación e a autora Elena Gallego, membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Así, representando ao grupo provincial do BNG lerán fragmentos da obra rosaliana Eva Vilaverde e Xosé Leal, que será o encargado de abrir a lectura. Representando ao grupo provincial do PP participarán Nidia Arévalo e Ángel Moldes, e en nome do grupo provincial do PSOE participarán David Regades e a presidenta da institución, Carmela Silva, que será a encargada de pechar o acto.
Ademais da lectura pública, e seguindo a recomendación da AELG de contribuír á conmemoración desta data agasallando un libro e unha flor, a todas as persoas que asistan á lectura e que se acheguen ao Pazo provincial durante a xornada de mañá se lles entregará un libro da colección Cíes -a colección de poesía da Editorial do Servizo de Patrimonio Bibliográfico e Editorial-, e unha camelia do cultivar ‘Rosalía de Castro’ procedente da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Neste sentido, a deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, sinalou que a camelia é a flor máis axeitada para regalar mañá.
“Nun acto tan reivindicativo como é o Día de Rosalía non hai nada máis simbólico que agasallar con esta flor, porque Rosalía de Castro non deixa de ser a poeta máis representativa deste país e a camelia estase a convertir na flor máis representativa de Galiza… Xa case é a flor nacional de Galiza”, dixo.
Vilaverde explicou as características do cultivar que leva o nome da escritora galega, asegurando que se descubriu en Portugal como resultado dun cruzamento entre unha xapónica e unha reticulata e que ten floración case en todo ano. Unha vez bautizado este cultivar foi plantado por primeira vez na Casa da Matanza de Padrón e agora a Deputación ten exemplares na Estación Fitopatolóxica da Areeiro e no Castelo de Soutomaior.
Para o acto de mañá venres tamén se exporán dúas reproducións de fotografías de Xurxo Lobato pertencentes á mostra ‘Airiños aires, Rosalía’ recentemente exposta no Museo de Pontevedra. Escolléronse dúas fotografías que inciden de xeito específico na imaxe actualizada de Rosalía, en referencia á como a súa iconografía se adapta aos tempos e pervive ao longo da historia.
Durante o pleno, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, dará lectura ao Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega escrito, nesta edición, por Ledicia Costas.