A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca folga en todos os niveis educativos de Galicia para este xoves, día 9 de marzo, contra a LOMCE, os recortes no ensino público, para restituír os dereitos laborais e salariais do profesorado e mellorar a calidade do ensino mediante una Lei Galega de Educación.
Ante a posibilidade de que se elabore un pacto entre as forzas políticas estatais que prexudique gravemente a situación do noso ensino, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público considera necesario mobilizarse unha vez máis en defensa do ensino público galego para exixir a derrogación da LOMCE e unha lei galega de educación.
Para a Plataforma Galega o o chamado “pacto pola educación” proposto polo PP é un engano e unha farsa cuxo obxectivo non é outro que consolidar os principios e fundamentos da LOMCE. “En Galicia non sufrimos os recortes do mesmo xeito que no resto do Estado e o noso ensino ten necesidades específicas pola nosa realidade diferenciada. Por iso é fundamental a participación masiva na folga”. A Plataforma lembra ademais que a LOMCE segue vixente e as reválidas adiadas, non derrogadas, até coñecer o resultado do “pacto pola educación”.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público ten convocadas para ese día mobilizacións ás 11.30 horas que sairán dos seguintes lugares: A Coruña: Praza de Vigo; Ferrol: Praza de España; Lugo: Praza da Horta do Seminario; Ourense: Subdelegación do Goberno; Pontevedra: Praza da Peregrina; Santiago: Alameda; Ribeira: Diante do IES Nº1; Vigo: Praza Amérca e Vilagarcia: Praza de Galicia.