A Estación Fitopatolóxica de Areiro, dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar un aviso fitosanitario no que advirte da necesidade de intervir e realizar tratamentos preventivos nos cultivos ante a subida das temperaturas destes días.
Segundo indican os técnicos, a chegada do calor conducirá a que as plantas comecen a agromar, polo que é preciso facer revisións periódicas dos cultivos co fin de detectar precozmente posibles problemas e realizar intervencións cando sexa necesario, sobre todo nas froiteiras de óso, no kiwi, nos cítricos e no buxo.
No caso das froiteiras de óso, despois da elevada humidade dos días anteriores será conveniente a aplicación dun tratamento funxicida sobre aquelas plantas que presentan habitualmente problemas de lepra, cribado ou moniliose. A responsable da unidade de Artrópodos da EFA, Rosa Pérez, explica que “naquelas árbores que non haxa gromos aínda se pode aplicar un funxicida a base de cobre (moi recomendable ata o estado de ‘botón -xema- rosa’), pero naqueles outros nos que xa haxa certa proporción de follas o cobre non debe ser aplicado, debendo decantarse por un funxicida xeral”.
Nas plantas de kiwi o momento de agromar é clave da loita contra a PSA e outras bacterioses. É preciso protexer as follas tenras do inóculo do ano anterior que poida haber na plantación, polo que, aparte de labores culturais como eliminar os restos de poda que non se teñan retirado da finca, débese aplicar un produtos cúprico autorizado.
Así mesmo, coa chegada do bo tempo os cítricos sacarán novos gromos que terán follas tenras e finas que atraerán ás femias da Trioza eytreae, un insecto chupador coñecido como ‘psila africana dos cítricos’, para facer a súas postas. Segundo indica Pérez, “dado que se trata dunha praga que se está a estender pola provincia, convén revisar os gromos e, no caso de detectarse ovos ou ninfas novas, é preciso eliminar os brotes e/ou aplicar o insecticida pertinente”.
A técnica de Areeiro explica que a enfermidade que pode transmitir a ‘psila afriana’, denominada ‘huanglongbing’ ou HLB, non está presente nin na nosa comunidade autónoma nin noutras zonas de España. Lembra, así mesmo, que aínda que os seus síntomas específicos nos cítricos céntranse na coloración amarelenta das plantas ou a perda de follas, estes son tamén síntomas que se poden deber a carencias nutricionais, problemas físicos do solo, causas climáticas ou mesmo a outros patóxenos.
Por outra parte, na EFA xa teñen detectado as primeiras eirugas da praga do buxo (Cydalima perspectalis) que o ano pasado causou defoliacións moi serias en moitos sebes da provincia. “É de esperar que, co aumento das temperaturas e o tempo seco, os síntomas se xeneralicen polo que é conveniente facer a primeira intervención fronte a esta praga utilizando aceite de parafina, azadiractin (de orixe natural ambos) o cipermetrin, deltametrin ou outros piretroides (de orixe sintética), procurando mollar moi ben a planta”, explica Pérez.
Finalmente, dende Areeiro lémbrase que antes de comezar a campaña de tratamentos convén facer unha revisión exhaustiva dos equipos para detectar posibles problemas derivados do desgaste do ano anterior ou doutras causas. “Débese prestar atención ao estado das boquillas, dos filtros, das conducións, bombas, manómetros e outros elementos. Ademais, débense calibrar os equipos para asegurarse de que o consumo a distribución do caldo sexan axeitados e así teñamos unha mellor eficiencia nas aplicacións”, indica Pérez.