Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Vigo acolle a proxección de ‘Asolagados’, un documental que conta que foi dos pobos que hai baixo o encoro de Belesar

O vindeiro martes, día 14, ás 7 e media da tarde, na Asociación Veciñal Val do Fragoso, en Balaídos, a Asociación cultural O Castro de Vigo vai proxectar o documental ‘Asolagados’, unha cita que contará coa presenza do seu guionista, o xornalista Afonso Eire.

O documental Asolagados conta o antes e o despois das poboacións pobos que foron asolagados polo encoro de Belesar. Conta coa gravación de imaxes dos restos das casas, dos fornos, dos hórreos, das adegas, das árbores, das vides… e sobre todo, das testemuñas da vida a carón do río nos anos 40, 50 e 60: os traballos, as anécdotas, a “emigración da ribeira á montaña”…. Imaxes e sons que describen a mudanza dunha parte da paisaxe da Ribeira Sacra e dunhas persoas que se viron obrigadas a reinventar a súa vida e costumes.

Este proxecto audiovisual foi realizado por David Vázquez, Luis García, Humberto Novoa e Cristina López con guión de Afonso Eiré en colaboración coa ‘Asociación Educativo Cultural Airoá Comunicación’ e con ‘TELEVINTE Chantada Comunicación S.L’.

O encoro de Belesar trátase dun pantano artificial creado en 1963 no río Miño -o máis grande deste río-, situado entre os concellos de Taboada, Chantada, O Saviñao, Paradela, O Páramo, Guntín e Portomarín. Foi creado para abastecer unha central hidroeléctrica, operada na actualidade pola empresa Gas Natural Fenosa.

A construción do encoro supuxo anegar case 2.000 hectáreas de terreo fértil, ademais da desaparición do Castro Candaz e da vila de Portomarín, que se reedificou preto da súa antiga localización. Outros lugares habitados desapareceron tamén baixo as augas do encoro, como Mourulle, Pincelo, Abeledo ou Portomeñe.

Despois da proxección terá un lugar coloquio coa presenza de Alfonso Eiré, guionista do documental, xornalista e escritor.

You may also like