Alumnos e alumnas dos centros educativos de Ponteareas celebraron o Día da Árbore con distintas actividades deseñadas polas concellerías de Medio Ambiente e Ensino que xestionan, respectivamente, o alcalde Xosé Represas e a concelleira Cristina Fernández.
As actividades, encamiñadas á concienciación medioambiental dos escolares ponteareáns, desenvolvéronse no Regato da Venda dende as 10 horas e a elas asistiron preto de 500 alumnos distribuidos en tres quendas de mañán para os de primaria e de unha quenda de tarde para o alumnado da ESO.
Tal e como explicaba a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, primeiramente os voluntarios e voluntarias de ‘Voltea Condado’ informaron ao alumnado sobre os traballos que se desenvolveron para a recuperación do Regato da Venda para, posteriormente falarlles das medidas que se poden adoptar para non contaminar os canles ou das árbores e flora que compoñen as súas beiras, entre outros temas.
Posteriormente, procederon á plantación de máis de 100 árbores para zonas húmidas, unha actividade que non só se centrou na plantación sen si, senón que se lles explicou onde e porque se plantan, bautizando ás árbores.
A actividade contou coa colaboración da Comunidade de Montes de Xinzo que fixo doazón de árbores.
Tanto Cristina Fernández como Xosé Represas, salientan a importancia de desenvolver ese tipo de iniciativas “xa que a concienciación medioambiental e a posta en valor dos espazos naturais, debe ser algo que se inicie xa nos centros escolares”.