O Parlamento de Galicia aprobou este mércores, a iniciativa do Grupo Popular, solicitar ao Concello de Vigo que mellore o servizo e as conexións de autobús desde o barrio de Teis cara ao Hospital Álvaro Cunqueiro, atendendo así as necesidades dos veciños.
A deputada Marián García Míguez criticou que para o Concello de Vigo “haxa cidadáns de primeira e de segunda dependendo de onde viven para que poidan gozar dos medios necesarios e suficientes de acceso aos servizos públicos básicos”.
A deputada sinalou que hoxe só hai tres liñas que van ao Hospital Álvaro Cunqueiro, “cunha frecuencia escasa e recorridos incompletos, polo que non cubre a demanda dos veciños”. Ademais, indicou que o domingo só hai un servizo con catro paradas de ida e tres de volta para unha poboación dunha área de 500.000 persoas.
Diante desta situación, a representante popular sinalou que “os veciños do barrio de Teis veñen reclamando desde hai máis de un ano a mellora no transporte público ao Hospital Álvaro Cunqueiro, xa que teñen que facer transbordo no centro da cidade e coller outra liña para poder chegar o seu lugar de destino despois de máis dunha hora de traxecto de ida e outro tanto de volta”.
“Neste momento, estes veciños seguen sen solución ante un problema que nalgúns casos é grave, xa que as persoas maiores, discapacitados, menores ou mesmo a poboación en xeral que se atopa nunha situación delicada non ten o recurso axeitado de mobilidade en tempo e forma”, engadiu.
A deputada popular referiuse ao anuncio do pasado mes de febreiro de habilitar unha nova liña ao Hospital Álvaro Cunqueiro desde Teis con dúas frecuencias ao día só pola mañá (7.45 e 11.00 horas), “un bus turístico de máis de unha hora de duración que se pon en marcha sen consensualo cos veciños nin cos colectivos do barrio”.
García cualificou o servizo de transporte urbano de Vigo como “obsoleto e ineficaz, que se demostra non só polas reiteradas queixas dos veciños de Teis, senón tamén polas dos veciños de Sárdoma, Bembrive, Beade, Valladares, Coruxo, Alcabre, Saiáns, Zamáns, Matamá, San Xoán de Poulo, CAbral e outras parroquias viguesas”.