Tres dos sindicatos con representación no comité de empresa de Eroski veñen de convocar un calendario de mobilizacións para rexeitar os novos despedimentos en Eroski. Dende a CIG denuncian que a cadea de supermercados rescindiulles o contrato a sete traballadores nas últimas semanas –“para o que botou man da reforma laboral do PP- co obxectivo de desfacerse do persoal fixo, aumentando así a precariedade”.
O persoal de Eroski volverá a mobilizarse ás portas de distintos establecementos da marca para rexeitar a vaga de despedimentos das últimas semanas. En concreto, “a empresa vasca de distribución vén de rescindirlle o contrato a sete traballadores fixos e con antigüidade na compañía para substituílos por persoal eventual”.
Por iso, as centrais CIG, CGT e UGT convocan unha serie de concentracións ás portas de distintos supermercados da cidade. A primeira delas terá lugar este martes 21 no supermercado Familia de San Andrés de Comesaña de 11.00 a 13.00 horas; a continuación, o venres 24, trasladarán as protestas ao Eroski de Mos, tamén de 11.00 a 13.00 horas; a última mobilización está fixada para o vindeiro venres 31 de marzo no economato de Citroën, no barrio de Coia, entre as 11.00 e as 13.00 horas.