Cultura Vigo al minuto

@fetivaldecans queda sen axudas da Xunta por primeira vez nos seus 14 anos de historia

O Festival de Cans quedará este ano por vez primeira nos seus 14 anos de historia fóra das axudas que otorga a Xunta de Galicia. Segundo indican os responsábeis do propio festival nunha nota, AGADIC, organismo que concede as axudas, comunicou “verbalmente” á dirección Festival que o motivo foi un “defecto de forma” na entrega da documentación.

Ademais do Festival de Cans, nunha decisión sen precedentes, a Xunta deixa fóra das axudas a outros catro festivais: Curtocircuito e Cineuropa de Santiago, Freakemacine de A Coruña e Primavera do Cine de Vigo, a todos eles alegando o mesmo “defecto de forma” na entrega da documentación.

Trátase da primeira vez na historia das axudas da AGADIC que se dá esta situación insólita, que ven propiciada por problemas no acceso á sede electrónica da Xunta de Galicia. Era a primeira vez que estas axudas tiñan como requisito obrigatorio seren presentadas por vía electrónica, sendo tamén as primeiras axudas do ano que debían ser presentadas por este sistema, pero malia todo, a AGADIC non estableceu ningún medio de asistencia nesta situación excepcional.

Todos os festivais que quixeron entregar os seus papeis nos últimos días tiveron problemas co rexistro electrónico, polo que a maioría decidiron enviar a documentación necesaria por correo certificado dentro do prazo requerido, pero desde a AGADIC decidiron deixalos fóra da comisión de avaliación. A partir desta situación anómala como punto de partida,  só catro festivais foron aceptados para avaliar na comisión de proxectos. Unha vez repartido todo o que correspondía entre estes catro festivais, “deuse unha situación surrealista xa que sobraron 30.000 euros”.

A decisión da AGADIC de deixar fóra das axudas a estes cinco festivais provocou que os demais festivais tivesen maiores incrementos nas cantidades otorgadas. Así ao Play-Doc fóronlle concedidos  32.400 euros, 8.000 euros máis que o pasado ano, ao festival de Cinema Periférico 24.161 euros, o que supón 6.000 euros máis que o pasado ano e ao Fic Bueu 22.000 euros, o que supón unha cantidade de 10.000 euros máis que as últimas axudas.  A comisión de Agadic incluso acordou conceder 3.000 euros por vez primeira ó Festival do Carballiño, que nunca dera acumulado os puntos suficientes para entrar nunhas axudas que son moi esixentes, e que o equipo do festival de Cans estivo preparando durante dous meses.

Ademais, da cantidade outorgada, a administración concedía un adianto de ata o 80%, que axudaba a que o festival tivese liquidez nos meses previos. Ao terse feito xa a resolución do convocatoria, os cinco festivais quedan fóra das axudas e non poderán optar a petición deste adianto.

O Festival anuncia as “oportunas accións legais para a defensa dos seus dereitos e intereses, no que considera unha situación completamente anómala e non axustada a Dereito”. O director da AGADIC, Jacobo Sutil, comunicou persoalmente aos responsables do festival de Cans que “o problema non tiña solución”, co cal a AGADIC non intentou buscar vías de solución -que perfectamente puido ter atopado, facendo unha interpretación non formalista das normas- e os cinco festivais damnificados presentarán as súas respectivas reclamacións.

O Festival de Cans solicitara 29.000€ de axuda para este 2017, o que supón unha cantidade cercana ó 25% do orzamento do festival. “Non dispoñer desta cantidade, deixa a Cans nunha situación de incertidume total a dous meses da celebración do seu festival, prevista entre os días 24 e 27 de maio”.

You may also like