A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia do Goberno de Galicia vén de activar para este mércores a alerta laranxa por neve en zonas do interior das catro provincias, e por temporal no litoral da Coruña.
As nevaradas, que se prolongarán mércores e xoves, afectarán o sur de Ourense a partir das 8,00 horas; a partir das 12,00 estenderanse ao interior da provincia da Coruña, centro de Lugo, noroeste de Ourense e interior de Pontevedra; e desde as 18,00 horas chegarán ao sur de Lugo. Agárdase unha acumulación de máis de 5 centímetros en cotas superiores aos 500 metros, e ata 4 centímetros por riba dos 300 metros. Nas zonas de montaña de Lugo e Ourense activarase o nivel amarelo, con acumulacións de máis de 15 centímetros a partir dos 500 ou 600 metros.
Hai que lembrar que, como informou vigoalminuto, a Comisión Escolar de Alertas acordou suspender este mércores e mañá, xoves, as actividades no exterior e parte do transporte escolar nalgunhas zonas afectadas pola alerta laranxa e amarela de neve. Aínda que non se suspende a actividade docente, se as circunstancias meteorolóxicas da localidade onde se atopa o centro de ensino supuxesen un risco superior ao declarado, os directores poderán adoptar as decisións oportunas respecto das actividades no exterior ou extraescolares.