A tripulación do helicóptero Pesca 2 do Servizo de Gardacostas de Galicia vén de recibir o premio Polaris da Federación Internacional de Pilotos de Liñas Aéreas polo seu labor no rescate dos 22 tripulantes do buque Modern Express e dos 12 tripulantes do Gure Uxua. Este é o máximo recoñecemento relacionado coa aviación civil e por primeira vez concédeselle á tripulación dun helicóptero de Salvamento Marítimo.
O premio foille comunicado hai uns días por parte da federación aos seis tripulantes galardoados. Concédeo a Federación Internacional de Pilotos de Liñas Aéreas a aqueles membros de tripulacións que participaron en misións heroicas que contribuíron a salvar vidas humanas ou ao avance da aviación civil. Neste caso foi a proposta do Sindicato Español dos Pilotos de Liñas Aéreas (SEPLA), que defendeu a candidatura dos membros do Pesca 2 ao galardón.
O rescate do buque de bandeira panameña Modern Express, de 163 metros de eslora, realizouse o 26 de xaneiro de 2016. O buque estivo á deriva a 148 millas ao norte de Cabo Ortegal e na operación de salvamento participaron o helicóptero Pesca 2 do Servizo de Gardacostas e o Helimer 401 de Salvamento Marítimo do Estado. Nesta misión, a tripulación do Pesca 2 rescatou a seis dos tripulantes, actuando baixo duras condicións meteorolóxicas. De feito, esta intervención do Pesca 2 tamén contou coa Mención de Honra da Organización Marítima InternacionaI (OMI), que recoñeceu ademais o labor dos tripulantes do helicóptero de Salvamento Marítimo.
Por outra banda, a misión de salvamento do pesqueiro Gure Uxua, de 24 metros de eslora, tivo lugar o 3 de febreiro. Este pesqueiro afundiu a 50 millas de Navia (Asturias) e nesta operación o helicóptero Pesca 2 salvou a cinco dos tripulantes, actuando con condicións meteorolóxicas adversas.
Os membros do Pesca 2 galardoados pola misión do Modern Express son: o comandante, Carlos Ferreira; o copiloto, David Abad; o operador de grúa, Antonio López-Cerón e o rescatador, Daniel Fernández. Os premiados pola operación do Gure Uxua son: o comandante, Philip Andre; o copiloto, David Abad; o operador de grúa, Brian Chouza e o rescatador, Daniel Fernández.