A presidenta da Deputación de Pontevedra, acompañada por deputados provinciais e por representantes do sector turístico, presentou na sede da SGAE, en Madrid, e ante un numeroso grupo de xornalistas e operadores turísticos nacionais, a campaña promocional do destino Rías Baixas para este ano 2017.
Carmela Silva resumiu os principais eixos de promoción da provincia de Pontevedra durante este ano 2017 e encadrada baixo o lema “Rías Baixas, moito por descubrir. Por moitas razóns”: os Festivais Rías Baixas, unha referencia cultural e musical xa consolidada e cunha grande proxección nacional e internacional; os seis camiños que discorren pola provincia de Pontevedra cara Compostela, o Camiño da Costa, o Camiño Portugués tradicional, a Vía da Prata, o Camiño de Inverno, a Ruta do Mar de Arousa e o Río Ulla e a Ruta do Pai Sarmiento; e o enoturismo, da man de Cambados, nomeada este ano Cidade Europea do Viño. Tamén engadiu a Presidenta da Deputación que “son moitas as razóns para visitar Rías Baixas pero sería preciso unha rolda de prensa diaria para dar a coñecer todos os atractivos turísticos desta terra tocada polos deuses”.
A presentación do destino estivo vertebrada arredor dos propios eixos promocionais, comezando polos Festivais, continuando co enoturismo da man de Cambados e rematando cos camiños que pasan pola provincia de Pontevedra cara compostela. Así tomaron a palabra os representantes dos Festivais Rías Baixas, Jordi Lauren e Carlos Domínguez, que enxalzaron a complementariedade dos festivais, que “nen comparten datas nin público nin estilos musicais” e convidaron aos asistentes a “vir e gozar dunha ampla oferta que se estende de xuño a setembro e vai máis alá da música, complementándose co deporte, coa natureza e coa gastronomía”.
Tanto Lauren como Domínguez remarcaron que o pasado ano os Festivais Rías Baixas supuxeron 26 millóns de € de impacto económico e un público asistente de 200.000 persoas “que están a contribuír a transmitir unha imaxe diferente do territorio e a posicionarnos nun mundo tan competitivo como no que vivimos”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, tivo a oportunidade de trasladar ao público asistente os principais atractivos do seu concello, Cidade Europea do Viño 2017, remarcando a tradición vitivinícola que se soubo converter “nun reclamo turístico moi propio da vila”. De feito, Abal mencionou á Festa do Viño Albariño, “que este ano celebrará o seu 65 aniversario” e as máis de cen actividades que se están a organizar en Cambados con motivo do nomeamento da vila como Cidade Europea do Viño.
En canto aos camiños, Silva fixo un percorrido polas seis rutas que transcurren cara Compostela invitando aos asistentes a “viaxar cara a nosa terra” da man da música de Teo Cardalda, que interpretou a peza musical promocional do destino Rías Baixas en directo.
Para rematar, a presidenta fixo un percorrido por todos os recursos turísticos da provincia de Pontevedra, lembrando dende o patrimonio cultural, ata a paisaxe, coas nosas rías e ríos, o mar e os parques nacionais; as vilas mariñeiras; a gastronomía e a enoloxía; as sendas fluviais; os xacementos arqueolóxicos, arquitectura e conxuntos históricos; as festas e festivais musicais e cinematográficos; ou os museos. Razóns, todas elas, “para que veñan ás Rías Baixas”.
A presentación do destino Rías Baixas en Madrid contou cunha cámara 360º que gravou todo o que estaba acontecendo na sede da SGAE. Amais, as persoas asistentes tamén tiveron á súa disposición gafas de realidade virtual coa finalidade de que puidesen coñecer en tres dimensións os principais recursos turísticos da provincia de Pontevedra.