Os traballadores, que levan meses mobilizándose para denunciar as consecuencias que terá o traslado do 112 de Compostela á Estrada, decidiron, despois de que nin as súas denuncias, nin as súas demandas foran escoitadas, iniciar un paro indefinido dende o viendeiro día 15.
“Nos vemos na obriga de convocar esta folga que será indefinida, até que a administración teña a ben recibirnos”, explicou a presidenta do comité e representante da CIG, Isabel Moares.
Pola información que ten o persoal deste servizo de emerxencias, o traslado está previsto que se realice na noite do 18 ao 19 de abril. “Esa noite nos nosos horarios aparece o persoal duplicado e unha parte estará na Estrada e outra en Compostela. Pero esa é a única información que temos a día de hoxe”.
Xunto con esa falta de información, Moares denunciou os fallos que segue a dar a plataforma informática que se porá en marcha coincidindo co cambio de ubicación; a “deficiente e insuficiente” formación que recibiu o persoal para utilizar este novo programa, que en moitos casos non chegou nin a 20 horas; a ausencia dun Plan de continxencias por se se producen fallos na nova aplicación e a falta dun plan de traslado que teña en conta os custos que vai supor, para as traballadoras e traballadores, ter que desprazarse diariamente á Estrada.
En relación co programa que terá que comezar a utilizar o persoal cando pasen a atender as emerxencias na Estrada, Oscar Valadares, membro do comité de empresa, advertiu que é un soporte básico. “Se falla podémolo facer manualmente, grazas á experiencia adquirida ao longo de todos estes anos polas operadoras e operadores, pero iso vai facer que se disparen os tempos de xestión e resposta e que os medios se retrasen en chegar ao punto. Isto, cando estamos falando de xestión de emerxencias, supón un problema grave”.
Segundo explicou Valadares tamén vai ser un problema comezar a traballar “sen controlar por completo a ferramenta coa que teremos que facelo”. A este respecto sinalou que hai todo o catálogo de emerxencias con máis de 50 protocolos diferentes e cada un deles con especificidades propias en cada área de cobertura. “Iso non é algo que se aprenda ás carreiras”.
Por iso considerou que se irresponsábel é tratar de facer nestas condicións un traslado en pouco máis dunha semana, máis o era aínda pretender facelo, tal e como estaba previsto, para o pasado 15 de marzo.
Para o persoal do 112 é especialmente grave o silencio tanto da administración, como da empresa, no relativo aos custos dun traslado que vai afectar a 300 familias e que vai provocar unha diminución dos seus ingresos, segundo os seus cálculos, dun 14%, en salarios que están en arredor dos 1.000€.
“Non son os gastos de desprazamento dun día, senón os gastos de desprazamento de 365 días ao ano que afectarán a todo o persoal”, denunciou Valadares quen subliñou que non se trata dunha perda de poder adquisitivo como a que se pode producir cando sobe o IPC e non se adaptan a este incremento os salarios. “Imos ter unha perda directa dos nosos ingresos porque ademais do aumento do custe da vida e de manterse os nosos salarios conxelados desde hai 6 anos, agora teremos que restar os gastos en gasoil para ir e vir todos os días aos nosos postos de traballo”.
Por iso a presidenta do comité reiterou que manterán a folga mentres a Xunta non sente a negociar. “A administración foi quen creou o problema e é quen ten que solucionalo”, sentenciou.
Repercusións da folga na atención ás emerxencias
Para o vindeiro luns está prevista unha xuntanza entre o comité de folga e a empresa para marcar uns servizos mínimos que, de non se chegar a un acordo, fixará a propia administración.
Polas características do 112 eses servizos mínimos adoitan ser do 100%. Pero, segundo explicou Moares, “hai unha sentenza do TSXG que di que o servizo ten que funcionar pero non como un día normal”.
De ser así, consideran que repercutirá na atención das emerxencias, porque haberá chamadas en espera pero non operadores abondo, polo que se acabarán atendendo, pero cun tempo de resposta máis alto.
A presidenta lamentou os problemas que se poidan derivar dunha folga á que se viron abocados diante da ausencia de diálogo. “Nós non buscamos os efectos negativos”, asegurou, “non imos á folga porque non teñamos outra cousa que facer senón porque non nos deixaron outra opción. Se algo ocorre a responsabilidade será da administración”, concluíu.