Distintos colectivos socias de Chapela están a promover a convocatoria dunha manifestación en solidariedade coa loita que mantén o cadro de persoal de Pescanova para reclamar uns convenios colectivos dignos na empresa de alimentación.
A asemblea de traballadores celebrada este sábado en Redondela ratificou a convocatoria de novas mobilizacións no caso de que non haxa acordo entre as partes antes de fin de mes.
O anuncio da manifestación foi feito polas centrais CIG, CUT, UGT e USO durante a asemblea celebrada no multiusos de Redondela, encontro que a maioría sindical aproveitou para explicar o contido das catro xornadas de negociacións celebradas a semana pasada por iniciativa da mediación laboral. Os sindicatos explicaron que son os propios colectivos sociais de Chapela os que, “conscientes de que se trata da empresa máis importante do concello”, decidiron promover a marcha de apoio ás reivindicacións dos traballadores.
Está previsto que o vindeiro mércores se celebre a xuntanza na que se decidirá tanto a data de celebración como o percorrido, aínda que en principio manéxase como posibilidade que teña lugar o 20 de abril.
Previamente, o próximo martes, a representación maioritaria dos empregados -CCOO negocia nunha mesa aparte tras o veto do resto de centrais pola súa “actitude desleal”- terá que achegar a súa última proposta de convenio, ao igual que a empresa.
“A partir de aí a mediación deberá convocar novas xuntanzas, que probablemente se celebrarán despois da Semana Santa”, indicaron. Con todo, reiteraron a súa intención de que as conversas “non se eternicen”, polo que están dispostos a convocar novas mobilizacións no caso de que non se chegue a un acordo para renovar os convenios antes de final de mes.
Finalmente, amosaron a súa satisfacción polo feito de que tanto a unidade da maioría sindical como o ánimo dos traballadores continúen “intactos” e avanzaron que está preparados para afrontar “un conflito laboral que vai ser moi longo”.