As actividades da vixésimo sexta “Feira do Requeixo e do Mel” de As Neves seguen este xoves, día 13, coa andaina ‘Descubrindo Cerdeira. Orixes do requeixo e do mel’. Nela, os participantes poderán coñecer, nunha ruta de 3 horas, que sairá as 4 e media da tarde do Torreiro da Festa de Cerdeira, onde xurdiu o xeito de facer esta receita.
Este mesmo día, ás 9 da noite, no Auditorio Municipal, concerto de Malvela,o grupo de folk galego, creado na parroquia de Sanguiñeda, en Mos, e integrado por 13 cantadeiras acompañadas por 6 músicos.
Xa o venres santo chega o ‘día grande’ no que se servirán 20.000 bolas de requeixo e mel –dende as 10 e media da mañá e ata as 9 e media da noite, a un prezo de 1,5€.
A feira empezará coa actuación do grupo de música e baile tradicional ‘A Barca de Loimil’; de seguido o cociñeiro Pepe Solla, dono dunha Estrela Michelín, será o encargado dun pregón moi especial, ao mediodía; seguirá a degustación do requeixo e do mel e, xa pola tarde, haberá distintas actividades para os pequenos, entre elas, ás 5 da tarde, o espectáculo de Peter Punk ou do grupo Ronco&fol.