Galicia

Traballadores do 112 empezan este sábado unha folga indefinida

Os traballadores, que levan meses mobilizándose para denunciar as consecuencias que terá o traslado do 112 de Compostela á Estrada, decidiron, despois de que nin as súas denuncias, nin as súas demandas foran escoitadas, iniciar un paro indefinido dende este sábado, día 15 de abril.

“Nos vemos na obriga de convocar esta folga que será indefinida, até que a administración teña a ben recibirnos”, explicou a presidenta do comité e representante da CIG, Isabel Moares.

Pola información que ten o persoal deste servizo de emerxencias, o traslado está previsto que se realice na noite do 18 ao 19 de abril. “Esa noite nos nosos horarios aparece o persoal duplicado e unha parte estará na Estrada e outra en Compostela. Pero esa é a única información que temos a día de hoxe”.

Xunto con esa falta de información, Moares denunciou os fallos que segue a dar a plataforma informática que se porá en marcha coincidindo co cambio de ubicación; a “deficiente e insuficiente” formación que recibiu o persoal para utilizar este novo programa, que en moitos casos non chegou nin a 20 horas; a ausencia dun Plan de continxencias por se se producen fallos na nova aplicación e a falta dun plan de traslado que teña en conta os custos que vai supor, para as traballadoras e traballadores, ter que desprazarse diariamente á Estrada.

En relación co programa que terá que comezar a utilizar o persoal cando pasen a atender as emerxencias na Estrada, Oscar Valadares, membro do comité de empresa, advertiu que é un soporte básico. “Se falla podémolo facer manualmente, grazas á experiencia adquirida ao longo de todos estes anos polas operadoras e operadores, pero iso vai facer que se disparen os tempos de xestión e resposta e que os medios se retrasen en chegar ao punto. Isto, cando estamos falando de xestión de emerxencias, supón un problema grave”.

Segundo explicou Valadares tamén vai ser un problema comezar a traballar “sen controlar por completo a ferramenta coa que teremos que facelo”. A este respecto sinalou que hai todo o catálogo de emerxencias con máis de 50 protocolos diferentes e cada un deles con especificidades propias en cada área de cobertura. “Iso non é algo que se aprenda ás carreiras”.

Por iso considerou que se irresponsábel é tratar de facer nestas condicións un traslado en pouco máis dunha semana, máis o era aínda pretender facelo, tal e como estaba previsto, para o pasado 15 de marzo.

También te puede interesar