Ciencia y Tecnología Galicia

@Xunta convoca as axudas Erasmus+ complementarias para ensinanzas artísticas superiores

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea, no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas aos estudantes de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan neste programa de mobilidade na educación superior durante o curso 2016/17; ás que achega un orzamento de 25.000€. Os requirimentos e prazos poden consultarse premendo aquí.

As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de tres meses. A contía mensual oscilará entre os 80 e os 150 euros, en función do país de destino. Deste xeito, a axuda será de 150 €/mes para o alumnado cun país de destino do grupo 1 (Dinamarca, Irlanda, Francia, Italia, Austria, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein, Noruega, Suíza), de 120€/mes para os que teñan un país de destino do grupo 2 (Bélxica, República Checa, Alemaña, Grecia, Croacia, Chipre, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Eslovenia, Islandia, Turquía) e de 80€/mes para os que estean nun país de destino do grupo 3 (Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Romanía, Eslovaquia, Antiga República Iugoslava de Macedonia).

Unha vez distribuída pola comisión avaliadora a contía uniforme citada anteriormente, o orzamento restante dispoñible, se o houber, será adxudicado aos solicitantes que posúan unha maior media no seu expediente académico, asignándoselles unha contía uniforme de 500€, ata esgotar o orzamento.

Poderá solicitar estas axudas o alumnado de ensinanzas artísticas superiores de centros públicos que estean matriculados no curso 201617 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores nesta comunidade autónoma, que obtivera unha bolsa Erasmus+ de mobilidade e que non gozaran desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (ED322A) –https://sede.xunta.gal– Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

También te puede interesar